O espazo a reformar conxugará a posta en marcha dunha biblioteca e dunha aula informática e de emprego das TIC
O conselleiro do Medio Rural, José González, asinou esta mañá en San Caetano un convenio co alcalde do concello de Frades, Roberto Rey, para levar a cabo un proxecto senlleiro neste municipio coruñés. En concreto, procederase a acondicionar un edificio que está agora practicamente en desuso para que os veciños poidan realizar múltiples actividades socioculturais.
O proxecto, que conta cunha axuda de 40.000 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), ente adscrito á consellería, consistirá en adecuar o espazo existente para convertelo nun edificio que conxugue a posta en marcha dunha biblioteca e dunha aula informática e de emprego das TIC. Para iso, aproveitaranse os materiais e as estruturas existentes e usaranse novidosos materiais de illamento, tanto sonoro como de calor, que farán da contorna un lugar apto para as actividades de estudo.
O conselleiro salientou a importancia destes proxectos senlleiros no rural galego, pois permiten defender e promocionar os valores culturais de Galicia, actuando no fomento e promoción da cultura e na protección, conservación e difusión do patrimonio cultural. Neste caso concreto, a rehabilitación integral dun edificio único na contorna e que aportará ao territorio unha oferta inexistente ata o momento, fixo que fora un dos 16 proxectos a levar a cabo este ano en Galicia.
Proxectos senlleirosA liña de apoio ao desenvolvemento rural que se centra no impulso a proxectos senlleiros conta para este ano 2018 cun orzamento dun millón de euros, co obxectivo de realizar 16 iniciativas en diferentes puntos de Galicia. Algúns dos proxectos financiados este ano son o acondicionamento do local social de Poulo (Ordes), a rehabilitación dun “pendello” nun mercado tradicional (Agolada) ou a mellora do centro hípico do mercado de gando de Guimarei (A Estrada), entre outros.
Doutra banda, o pasado ano executáronse un total de 14 proxectos senlleiros por un orzamento de case 900.000 euros. Entre eles salientan o acondicionamento do antigo matadoiro para secado de xamóns na Cañiza ou a adquisición de material bibliográfico da curta cinematográfica Mouras, en Folgoso do Courel. No eido do patrimonio tamén se traballou na recuperación dun muíño do século XIX no Bolo ou a humanización da igrexa de Torres en Vilarmaior.
- Te recomendamos -