Inicio Galicia Medio Rural destaca que Galicia sexa un referente a nivel estatal en...

Medio Rural destaca que Galicia sexa un referente a nivel estatal en canto a programas de control sanitario do gando vacún

0

José Balseiros salienta o papel fundamental das asociacións de defensa sanitaria gandeira para conseguir un bo status da cabana galega


O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, clausurou esta mañá en Lalín a XIV edición dos Encontros Gandeiros que organiza a Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) Xundeva, destacando o importante labor destas entidades a prol dunha boa cabana e que converten a Galicia nun referente a nivel estatal en canto a programas de control das enfermidades do gando vacún.

Así, Balseiros sinalou que estas organizacións, que traballan día a día para facilitar o traballo dos gandeiros, garanten un medio rural dinámico e rendible, facendo que as explotacións acaden un bo status sanitario e sexan máis viables e sustentables. Neste senso, a Consellería do Medio Rural ten unha liña de axudas para prestar apoio a estas asociacións, que a última convocatoria beneficiou a un total de 71 agrupacións cunha achega global de 2,15 millóns de euros.

Neste sentido, o director xeral apuntou tamén que, desde o Goberno galego, se seguirá traballando para que o sector lácteo dispoña de todo o necesario para poñer en valor a situación de privilexio que Galicia representa para a produción de leite, co fin de alcanzar e manter o posto que debe ostentar na Unión Europea.

A Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira Xundeva presta os seus servizos a un total de 958 gandeiros dos concellos de Dozón, Rodeiro, Lalín, A Estrada, Agolada, Vila de Cruces e Forcarei. Conta cun total de 6 veterinarias responsables do desenvolvemento do programa sanitario nesas zonas, onde están contabilizadas máis de 45.000 cabezas de gando vacún.


- Te recomendamos -