Inicio Galicia Medio Rural comprométese cos produtores de pataca da Limia a trasladarlle a...

Medio Rural comprométese cos produtores de pataca da Limia a trasladarlle a Enesa a necesidade de ampliar a contratación de seguros agrarios neste sector

0

A conselleira reuniuse con representantes da Asociación de Produtores de Pataca da Limia para coñecer de primeira man as demandas e necesidades deste eido produtivo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse con representantes da Asociación de Produtores de Pataca da Limia para coñecer as demandas e necesidades deste eido produtivo. Así, tras escoitar as peticións realizadas polo presidente desta asociación, Amador Díaz Penín, a titular de Medio Rural comprometeuse a trasladarlle á Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa) a necesidade de ampliar a contratación de seguros agrarios neste sector na vindeira reunión da Comisión Territorial de Seguros Agrarios de Galicia.

A conselleira insistiu en que é de vital importancia asegurar a produción deste tubérculo, sobre todo nas zonas produtoras que están inscritas na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia. Ángeles Vázquez trasladoulle a este colectivo que o obxectivo a curto prazo é incrementar o número de pólizas, polo que o seu departamento estudará a liña de seguros para mellorar diferentes aspectos que incentiven a contratación destas pólizas, tal e como xa se fixo xa no sector vitivinícola, matizou a conselleira.Ángeles Vázquez destacou o peso deste selo de calidade, que no último ano certificou un total de 7.800 toneladas deste tubérculo. De aí, incidiu, a necesidade de asegurar esa produción para que, no caso de que haxa algunha incidencia externa como poden ser os fenómenos meteorolóxicos ou as pragas, os produtores teñan compensacións económicas e non vexan desperdiciado o seu traballo.

Precisamente relacionado con eses posibles axentes externos, a conselleira comprometeuse a crear un grupo de traballo con persoal desta asociación, do consello regulador da IXP e técnicos da consellería para controlar e estudar posibles pragas que afecten á produción de pataca, ademais das xa coñecidas.

Outros asuntosNa xuntanza, celebrada en San Caetano e na que tamén participou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, tamén se lle trasladou ao sector que a nova orde de axudas para produtos da horta, froita e do sector ornamental -que está a piques de saír publicada no Diario Oficial de Galicia- contempla como beneficiarios os produtores de pataca. A conselleira indicoulles que estas achegas teñen un orzamento de catro millóns de euros para 2018. Finalmente, tamén se abordou a posibilidade de que a consellería participe na vindeira edición da feira da pataca en Coristanco.


- Te recomendamos -