Inicio Galicia Medio Rural colabora co sector para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria...

Medio Rural colabora co sector para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria no vacún de carne

0

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias reuniuse con representantes deste eido produtivo, no que Galicia destaca como a segunda autonomía en número de cabezas de gando e a terceira por reses sacrificadas

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuniuse con representantes do sector de vacún de carne de Galicia, para avanzar na mellora do funcionamento da cadea alimentaria neste eido produtivo.

Na xuntanza participaron responsables da Asociación Galega da Carne (Asogacarne), que agrupa representantes de matadoiros, salas de despece e industrias de elaborados cárnicos, así como directivos de diferentes empresas do sector e o director xerente do Centro Tecnolóxico da Carne, Miguel Fernández.

O encontro serviu para analizar a situación xeral deste ámbito produtivo, no que Galicia destaca como a segunda autonomía de España en número de cabezas de gando vacún e ocupa o terceiro lugar por reses sacrificadas. Así, segundo datos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a nosa comunidade acumula o 14% do censo nacional, sendo só superada por Castela e León, que ten un 22% do total de cabezas.

Ademais, canto ao número de reses sacrificadas, Galicia está en terceiro lugar, con 400.280 animais, tras Cataluña, que ostenta o primeiro posto, con 525.139, e Castela e León, que contabiliza 427.991. Así pois, estes tres territorios concentran máis da metade da produción total de España, que se sitúa nos 2,3 millóns de cabezas. 


- Te recomendamos -