Así o destacou hoxe o conselleiro José González na presentación das contas do seu departamento para 2019 diante da Comisión de Facenda da Cámara galega
O rural galego disporá no 2019 dun orzamento de máis de 500 millóns de euros, o que representa un incremento dun 4,15% con respecto ao pasado exercicio. En total, as contas para o vindeiro ano da consellería que dirixe José González ascenden a 516.038.579 euros, 20,5 millóns máis que no presuposto de 2018.
O propio conselleiro presentou este mediodía os seus orzamentos no Parlamento e destacou que con eles se reafirma a aposta da Xunta por un rural “multifuncional, respectuoso cos recursos naturais e paisaxísticos, vivo e dinámico e orientado á produción agroalimentaria de calidade”. Ao mesmo tempo, José González reivindicou o carácter “fundamentalmente rural” de Galicia e, no que atinxe á súa riqueza forestal, dixo que “apostamos por un monte no que se fomente a biodiversidade e a súa multifuncionalidade, xunto coa xestión forestal sustentable, acadando o equilibrio necesario entre produción e conservación”.
Eixos fundamentaisO titular de Medio Rural subliñou que as políticas do seu departamento –e os seus orzamentos– pivotan sobre tres eixos fundamentais: “o impulso da calidade da produción agroalimentaria galega como vía para o incremento de valor engadido que chegue a todos os elos da cadea, fundamentalmente aos produtores; a mobilidade da terra produtiva de Galicia, para usos agro gandeiros e forestais e a aplicación das recomendacións do ditame da Comisión Forestal, que marcan unha folla de ruta para o noso monte e o noso rural apoiada polas tres cuartas partes do Parlamento galego”.
Así, en relación co primeira destas liñas mestras, José González referiuse ao “arranque” da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) que, dixo, supón para a Xunta dotarse dun órgano que “conxugue formación, investigación, innovación e calidade diferenciada”, na procura, como principal obxectivo, de “acadar producións de excelencia, necesarias para poder competir nun mercado cada vez máis global e onde o consumidor é o mundo”.
Explicou ademais que por medio desta axencia vaise realizar “unha clara aposta pola promoción da calidade alimentaria con selos de calidade diferencial e dos seus produtos, que se plasma nun incremento do 3,4% nas partidas orzamentarias correspondentes”.
Sobre a mobilidade de terras, indicou que os fondos destinados a esta finalidade (2,7 millóns de euros) son coherentes co respaldo legal que suporá a nova Lei de Fomento da Mobilización da Terra Produtiva de Galicia, que está a preparar a Xunta e que permitirá actuar consonte ás recomendacións da Comisión forestal no sentido de poñer en valor terras en desuso, así como potenciar e reforzar o labor do Banco de Terras de Galicia e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
Por último, con respecto ao establecido polo Ditame da devandita Comisión parlamentaria, o conselleiro sinalou que cos orzamentos vaise afondar na elaboración dos plans de ordenación dos distritos e na posta en marcha do catálogo de terreos de alta produtividade agropecuaria e forestal, así como do sistema de información rexistral e estatística forestal. De acordo con estas mesmas recomendacións, González advertiu que xa se está a seguir o disposto sobre a colaboración cos concellos para facilitar o cumprimento das súas obrigas respecto das franxas de xestión da biomasa, e lembrou que son 152 os municipios que solicitaron a súa adhesión ao convenio correspondente.
Outras partidasAdemais destas tres liñas mestras de actuación, o conselleiro debullou outras partidas orzamentarias. Entre elas, destacou os case 29 millóns de euros destinados a apoiar a industria agroalimentaria en materia de transformación e comercialización dos seus produtos. Tamén, os 16,8 millóns do presuposto para sanidade animal, mantendo o esforzo en relación co pasado ano para cuestións clave como o Programa de Mellora Xenética do Frisón de Galicia, o control leiteiro ou o benestar animal.
En parecidos termos, González salientou o esforzo para manter a competitividade das explotacións, con axudas para apoiar a súa modernización e a remuda xeracional, mediante a incorporación de mozos. Para estas finalidades destinaranse o vindeiro ano preto de 60 millóns de euros.
Outras achegas de importancia son as que xestionará o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador dos fondos europeos adscrito á consellería. Contará cun orzamento de 36,7 millóns de euros que permitirán manter, entre outras liñas de financiamento, aquelas relacionadas coas subvencións para explotacións situadas en zonas con limitacións naturais, para a conversión e mantemento da agricultura ecolóxica ou para o agroambiente e clima.
Desenvolvemento ruralNo eido do desenvolvemento rural, a Xunta continuará impulsando, a través do programa Leader, a dinamización e a mellora da calidade de vida no agro. Farao, entre outras vías, mediante o apoio aos grupos de desenvolvemento rural (GDR), que recibirán un total de 21,4 millóns de euros o próximo ano. Do mesmo xeito, a consellería apoiará a mellora de camiños no rural, cun orzamento de 16 millóns de euros, e continuará potenciando os procesos de reestruturación parcelaria, cunha achega de 20,5 millóns.
No que atinxe ao sector forestal, Medio Rural aposta pola aplicación das medidas do citado Ditame do Parlamento, co inicio da elaboración dos plans de ordenación forestal dos distritos (PORF), entre outras medidas.
Ademais, seguirase impulsando o incremento da superficie forestal ordenada e manterase o esforzo en actuacións de loita integrada e control de pragas. En materia contra incendios, o conselleiro puxo en valor o apoio aos concellos para a protección dos núcleos rurais, cunha achega de 7,5 millóns de euros en 2019 e de 28 millóns en catro anos para o convenio coa Fegamp.
Neste sentido, advertiu da necesidade de impulsar medidas de ordenación progresiva que permitan a adecuada xestión das franxas de protección dos núcleos habitados, máis alá da roza anual, polo que engadiu que “temos que recuperar a actividade agrogandeira nestas franxas secundarias, como mellor mecanismo de control da biomasa e devasa contra os incendios forestais”.
Salientou tamén –no eido da extinción do lume– o esforzo que supón a integración no dispositivo estrutural da Xunta do equivalente das brigadas de reforzo contratadas ata o de agora a través de empresas públicas, así como o aumento do despregue en un mes (ata as cinco mensualidades en total).
- Te recomendamos -