A Xunta trasladará este texto ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para que se incorpore á posición conxunta de España como Estado membro
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá coas organizacións profesionais agrarias e cooperativas o documento que fixa a postura de Galicia de cara a reforma da PAC. O texto foi subscrito por representantes de Unións Agrarias, da Asociación Agraria de Galicia (Asaga), de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) e da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). Este documento será trasladado agora ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación por parte da Xunta, para incorporar as achegas de Galicia á posición conxunta de España como Estado membro.
No documento de consenso, Galicia propón un decálogo de medidas que pasan, en primeiro lugar, por manter unha PAC coherente (e común) a nivel da Unión Europea, establecendo por parte da Comisión criterios iguais obrigatorios para todos os estados nas principais definicións. Rexéitase calquera posibilidade de renacionalización e considérase que a estrutura da PAC debe seguir estando baseada en dous piares, e o primeiro deles (axudas directas) debe financiarse exclusivamente con fondos europeos.
Ao tempo, avógase polo establecemento de medidas que recoñezan as peculiaridades de cada territorio. Neste sentido resulta fundamental o correcto desenvolvemento dos plans estratéxicos que adaptarán a PAC a cada Estado membro, pero sempre que haxa un único plan por Estado, que recolla as singularidades de cada comunidade autónoma.
Axuda por explotaciónConsidérase ademais adecuado establecer un tope máximo de axuda por explotación, para favorecer ás de menor dimensión, pero semella excesivamente alta a proposta da Comisión de limitar o importe a 100.000 euros por explotación, preferindo un teito de 60.000 euros. En todo caso, os fondos que se liberen pola aplicación desta medida deberían financiar medidas estratéxicas xerais e destinarse ao pago redistributivo á renda, a mozos, pagos acoplados, converxencia, etc.
Nesta postura común de Galicia apóstase tamén por favorecer o apoio á incorporación de mozos á actividade agraria, especialmente porque se apoien as sociedades nas que se incorporen os agricultores novos, dunha forma menos restritiva que a actual. Deféndese, ademais, unha discriminación positiva para as zonas de montaña e con limitacións naturais, así como para as pequenas explotacións.
Outra das demandas de Galicia ten que ver co establecemento de medidas que permitan responder de forma rápida ás oscilacións dos prezos dos produtos agrarios e dos factores produtivos como os pensos e a enerxía, de forma que os agricultores poidan manter as súas rendas ante estas continxencias.
Deféndese tamén o establecemento dunha axuda redistributiva de forma que o importe das primeiras hectáreas sexa superior ao do resto, para garantir o apoio a pequenas e medianas explotacións, algo esencial en territorios como Galicia e a Cornixa Cantábrica, onde as explotacións están limitadas pola orografía e o modelo produtivo é o familiar. Ao tempo, considérase preciso non incrementar as esixencias medioambientais nos territorios onde estes requisitos podan supoñer unha excesiva presión para o desenvolvemento da agricultura, simplificándose as tramitacións administrativas.
Axudas asociadasPor último, outras das demandas de Galicia pasan por incrementar cando menos un 15% a proposta da Comisión, de modo que as axudas asociadas supoñan unha gran parte das achegas directas. Deben ter carácter nacional para evitar discriminacións e destinarse aos agricultores e gandeiros xenuínos. Sobre esta figura, considérase que se debe consensuar dentro do Plan Estratéxico a súa definición, así como apoiar os “dereitos históricos” no novo pago disociado.
E tamén porque os estados membros poñan en marcha de forma obrigatoria un sistema de asesoramento para os agricultores e de control de riscos, así como por recuperar o equilibrio entre as achegas nacionais do Estado e das comunidades autónomas no financiamento do tramo nacional dos programas de desenvolvemento rural.
- Te recomendamos -