Inicio Galicia Medio Rural amplía en dous meses o prazo para que os concellos...

Medio Rural amplía en dous meses o prazo para que os concellos executen e xustifiquen as axudas de arranxo de camiños

0

Esta ampliación permitirá aos municipios dispor de máis tempo para actualizar e adaptar os seus procedementos contractuais á nova normativa estatal

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2018.- Os concellos galegos disporán de case dous meses máis para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2018 das axudas de Medio Rural destinadas ao arranxo de camiños municipais.

Así o establece unha resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, amplíase o prazo inicial, que remataba o 17 de setembro, ata o 15 de novembro deste 2018, como período establecido para a execución e xustificación dos investimentos. Esta modificación veu motivada, en grande medida, pola entrada en vigor da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, que require dos concellos unha actualización dos seus procedementos contractuais.

Ademais, nesta resolución establécese a posibilidade de tramitar un pagamento anticipado en concepto de entrega de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as accións inherentes á subvención, cunha serie de condicións, entre as que se atopa un límite de ata o 50% do investimento total, que se corresponde coa anualidade de 2018.

Este Plan de mellora de camiños municipais impulsado pola Consellería do Medio Rural contempla un orzamento de 15,9 millóns de euros distribuídos en dúas anualidades (2018-2019) de 7,99 millóns cada unha. O obxecto destas axudas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento das pistas, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes.

Quedan excluídas, en cambio, as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación. O importe mínimo para cada unha das actuacións (calculado sobre a base do orzamento de execución material máis os gastos xerais e beneficio industrial) deberá ser igual ou superior a 6.000 euros. 


- Te recomendamos -