Inicio Galicia Medio Rural achegará este ano catro millóns de euros aos agricultores a...

Medio Rural achegará este ano catro millóns de euros aos agricultores a través dunha orde de axudas específica para a horta

0

A conselleira do Medio Rural fixo este anuncio nunha visita a unha explotación en Cabana de Bergantiños

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe que a nova orde de axudas en exclusiva para o sector da horta e a planta ornamental se convocará no mes de xullo cun orzamento de catro millóns de euros, cofinanciados nun 75% polo Fondo Europeo Agrario de Desarrollo Rural (Feader).

Así o explicou nunha visita a unha explotación agrícola de Cabana de Bergantiños. Alí, a conselleira sinalou que estas subvencións pretenden apoiar un sector en crecemento en Galicia. “Ata o de agora podían optar aos plans de mellora e pequenas explotacións, pero competían en desvantaxe con outros sectores máis potentes como o cárnico e o lácteo”, sinalou Ángeles Vázquez, de aí que se crearse unha orde específica para os produtores de froitas, verduras e hortalizas, pero tamén de flores e plantas, un ámbito en auxe na nosa comunidade.

Respecto ás condicións da nova orde, subvencionará os investimentos materiais ou inmateriais que supoñan unha mellora da explotación. Así, inclúense reformas e construción de instalacións e compra de maquinaria e terreos, así como custes vinculados á contratación de enxeñeiros ou proxectos de construción e reforma.

O importe de axuda será de ata o 50% dos custos elixibles ata un máximo de 500.000 euros en catro anos por beneficiario, e teranse en conta criterios como a diversidade de produción, o número de persoas contratadas, as condicións medioambientais e o número de socios ou titulares mulleres. Así mesmo tamén sumarán puntos as explotacións en zonas de montaña, aquelas que naceran da fusión de varias empresas, as que sexan en ecolóxico e as que teñan seguro agrario contratado. Estas achegas suporán un importante impulso para o sector, xa que a través dos planes de mellora, no 2017 foron 45 as explotacións que recibiron unha axuda por un valor de 1,1 millóns de euros. Agora, este orzamento case se cuatriplican.

Precisamente unha das beneficiarias das axudas que existían ata o de agora foi a explotación de Corcoesto que visitou a conselleira en Cabana de Bergantiños. Recibiu 15.000 euros de axuda para a construción dun novo invernadoiro que fará máis competitiva a empresa. Neste sentido, Ángeles Vázquez valorou o traballo dos agricultores que contribúen a que o nome de Galicia se relacione coa calidade dos seus produtores agroalimentarios.

Así, a titular de Medio Rural lembrou que se traballa tamén para a posta en marcha dun selo de calidade Horta de Galicia, que amparará todas as producións dos campo na nosa comunidade e evitar así enganos ao consumidor.


- Te recomendamos -