Estas axudas cofinanciadas co Feader permitirán levar a cabo ata 61 iniciativas de distinto tipo por toda Galicia
As axudas da Consellería do Medio Rural para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) suporán un investimento de case seis millóns de euros en Galicia destinados a programas de produtividade e sustentabilidade agrícola e forestal para mellorar a competitividade das empresas agrarias. En concreto, estas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, permitirán desenvolver ata 61 proxectos de investigación ata o ano 2020.
Un destes traballos foi o que hoxe coñeceu a conselleira Ángeles Vázquez nunha explotación de vacún de leite do concello da Pastoriza. Alí estase a desenvolver un programa para a valorización do leite producida tanto en explotacións ecolóxicas como convencionais. En concreto, este estudo que comezou xa no 2016, afonda na relación entre a dieta dos animais e a calidade do leite, así como na sustentabilidade ambiental e económica das explotacións. O obxectivo final é concluír modelos de manexo do gando con diferente grao de intensificación e así o explicaron esta mañá os técnicos durante a visita da conselleira.
Este programa é desenvolvido na gandaría Patalarga, da Pastoriza, polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite (Ligal), o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da propia consellería, e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca). Para levalo a cabo contan cunha axuda de 108.576,9 euros desta orde de axudas de Medio Rural. Durante a súa visita a conselleira aproveitou para felicitar a todas estas entidades e en concreto aos titulares da gandaría Patalarga polo seu compromiso co avance do rural.
Gandaría PatalargaTrátase dunha explotación de gando bovino, dedicada á produción de leite na parroquia da Guarda (A Pastoriza). A explotación, de carácter familiar, produce uns 450.000 litros de leite anuais, cun rabaño de 83 animais dos cales 62 son vacas adultas e o resto recría. Ten unha superficie de 47 ha dedicadas, todas elas, á produción de herba. Deste xeito, pode practicar o pastoreo durante case todo o ano, salvo durante tres meses de inverno, nos que as vacas estabuladas aliméntanse de herba das praderías da propia explotación.“Son un exemplo para outras explotacións, xa que grazas á súa base territorial logran reducir os custos de produción”, sinalou Ángeles Vázquez, que destacou tamén que teñen o relevo xeracional garantido, xa que o fillo dos titulares é enxeñeiro agrónomo e está realizando un doutorado no CIAM.“Estes son os empresarios que queremos ao fronte das nosas explotacións lácteas, xente nova e preparada, que contará coa Administración ao seu carón para axudala”, declarou a titular de Medio Rural. De feito, esta explotación leva recibidos máis de 47.500 euros en concepto de axuda por parte da Xunta para mellorar os seus equipamentos e facela así máis competitiva.
- Te recomendamos -