Inicio Galicia Medio Ambiente trasládalle a alcaldes da comarca de Betanzos que no ano...

Medio Ambiente trasládalle a alcaldes da comarca de Betanzos que no ano 2019 mobilizará máis de 1,4 millóns para prever e paliar os danos causados pola fauna silvestre

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión cos rexedores de Curtis, Aranga, Sobrado e Toques para falar do impacto que ten sobre os seus concellos os ataques de lobos e xabarís  


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará o vindeiro ano máis de 1,4 millóns de euros a medidas que axuden a paliar e prever os danos ocasionados pola fauna silvestre. Así llo trasladou a conselleira Ángeles Vázquez aos alcaldes de Curtis, Javier Caínzos, Aranga, Alberto Platas, Sobrado, Lisardo Santos, e Toques, Miguel Ángel Buján, cos que mantivo unha xuntanza na que lle trasladaron a súa preocupación polos danos que o lobo e o xabaril están a provocar nos cultivos e explotacións dos seus respectivos termos municipais.Ángeles Vázquez amosou a súa coincidencia nesta cuestión e engadiu que o impacto derivado dos ataques protagonizados pola fauna silvestre nestes e noutros concellos galegos son unha preocupación e un problema do que o Goberno galego é “completamente consciente”.

Por esta razón, anuncioulles que no ano 2019 o seu departamento habilitará unha partida de 1,4 millóns de euros que permitirá sacar unha nova liña de axudas por danos causados polo xabaril (dotada con 800.000 euros) e o lobo (350.000 euros); así como outra orde de prevención ante a fauna silvestre (dotada con 300.000 euros).

A modo de exemplo, a titular de Medio Ambiente explicou que para reducir a presión do xabaril e como medida de control da poboación desta especie, a Xunta ten autorizado batidas fóra dos períodos hábiles establecidos, sen que en ningún caso estas medidas poñan en perigo ou supoñan unha ameaza para o seu futuro. Neste sentido, engadiu que as batidas autorizadas aos tecores responden sempre a solicitudes previas formuladas por particulares ou institucións tras constatar danos provocados pola presencia deste animal salvaxe en determinadas zonas.


- Te recomendamos -