O Diario Oficial de Galicia convoca hoxe a liña de axudas da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, para avanzar nos compromisos medio ambientais e de cambio climático
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan as axudas para fomentar a reforestación de zonas Rede Natura 2000 con exemplares de carballos e bidueiros, dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020.
Esta nova medida, que implica un investimento de case dous millóns de euros, permitirá a posta en marcha de accións de conservación do patrimonio natural de Galicia e que prevén beneficiar a preto de 3.000 persoas.
Grazas a esta ferramenta realizaranse pagos a aqueles particulares que o soliciten por compromisos silvoambientais e climáticos e conservación dos bosques, é dicir, trátase de compensar a adopción de compromisos silvoambientais e climáticos máis estritos que os establecidos pola normativa vixente e que sexan realizados de forma voluntaria. Cómpre lembrar que na actualidade están permitidas as plantacións de eucaliptos xa existentes; polo que con esta medida pretendese compensar a aqueles propietarios que asuman o compromiso de retirar as súas plantacións co obxectivo de mellorar estes espazos protexidos.
Deste xeito, os propietarios poderán substituír plantación de eucaliptos por frondosas, coa finalidade de aumentar a superficie dos bosques autóctonos. Esta medida está dirixida a todas as zonas I (territorios cun nivel de conservación moi alto) e II (territorios cun nivel de conservación alto e medio) da Rede Natura 2000 das áreas de montaña. Outra opción é que os particulares opten pola eliminación de repoblación de eucalipto sobre hábitats turbófilos e queirogais húmidos, polo que esta medida beneficiaría a todas as zonas da Rede Natura 2000 onde se localicen este tipo de hábitats. A superficie mínima obxecto de axuda será de 1.000 m2.
Os compromisos contraeranse por un período máximo de 5 anos, podendo prorrogarse por un ano máis. A axuda consiste nunha prima por hectárea de superficie na que se realiza un cambio de especie ou se elimina o eucalipto, segundo o caso. O importe anual consiste nunha prima de 500 €/ha durante os 5 primeiros anos e de 200 €/ha durante o 6º ano.
Para acollerse a estas axudas as persoas ou entidades deberán presentar, tanto para á solicitude da axuda como para o seu pagamento, unha solicitude única de acordo co establecido na Orde do 6 de febreiro de 2018 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 30 do 12 de febreiro de 2018). A presentación da solicitude única realizarase unicamente por medios electrónicos, non obstante aqueles que o desexen poderán realizar as súas solicitudes a través das entidades colaboradoras co FOGGA. O prazo para a presentación de solicitudes comeza a contar dende o día seguinte da publicación da orde de axudas e rematará o 30 de abril de 2018, ambos inclusive.
Grazas á modificación do PDR -que a Comisión Europea considerou oportuna- aprobouse esta nova medida de medio ambiente e cambio climático dentro deste programa que conta con fondos europeos Feader (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural). Cómpre destacar que os complexos de turbeiras e queirogais húmidos presentan unha gran importancia ecolóxica e xogan un papel fundamental na mitigación do cambio climático, ao ser considerados como unha das maiores reservas de carbono, por absorber e almacenar dióxido de carbono da atmosfera.
- Te recomendamos -