Inicio Galicia Medio Ambiente prevé licitar antes de final de ano o novo emisario...

Medio Ambiente prevé licitar antes de final de ano o novo emisario submarino e a mellora provisional da Edar de Praceres

0

As conselleiras de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Mar presidiron hoxe unha reunión de seguimento do saneamento da ría de Pontevedra con representantes das confrarías e dos Concellos de Pontevedra, Poio e Marín

O saneamento da ría de Pontevedra recibirá un importante pulo este ano coa licitación do novo emisario submarino e tamén das obras para a mellora provisional da EDAR de Praceres. Así llo avanzou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, aos membros das Confrarías de Pescadores da zona e representantes municipais dos Concellos de Pontevedra, Poio e Marín no transcurso dunha reunión de traballo sobre o plan de saneamento da ría.

Antes de que remate 2018, Augas de Galicia ten previsto licitar o proxecto e a obra do futuro emisario, así como as actuacións previstas co fin de mellorar o funcionamento da depuradora actual. Tal e como explicou a conselleira, o anteproxecto desta infraestrutura xa está redactado e supervisado, polo que nos próximos días someterase a información pública como paso previo á súa remisión ao Consello da Xunta. O custo da obra ascende a 10 millóns de euros e terá un prazo estimado de execución de 18 meses.

De forma paralela e en resposta á petición das propias confrarías, a conselleira explicou que tamén se está a desenvolver un estudo xeotécnico de detalle, co fin de garantir que a obra do novo emisario cause a menor afección posible ao marisqueo a pé.

Polo que respecta ás melloras previstas na actual EDAR, Mato Otero lembrou que, unha vez resoltas favorablemente por Costas as concesións que regularizan os terreos de dominio público da depuradora e do emisario actual, Augas de Galicia ten xa moi avanzados os trámites previos para poder licitar esta actuación.

Así, o anteproxecto está redactado e actualmente atópase en fase de supervisión, polo que está previsto poder sometelo a información pública ao longo do mes de outubro. As melloras previstas na actual EDAR de Praceres, engadiu a conselleira, suporán un gran avance para o saneamento da ría de Pontevedra xa que permitirá mellorar “substancialmente” todos os parámetros de calidade do vertido antes da posta en marcha da nova depuradora.

Esta mellora provisional da EDAR conta cun investimento de 16 millóns de euros e un prazo de execución dun ano, aínda que fará falta outro ano máis de posta en funcionamento.

Durante a xuntanza, que estivo presidida por Beatriz Mato e pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, tamén se presentaron as conclusións do estudo de alternativas para a ampliación da actual EDAR. Das catro opcións viables, o estudo conclúe que a mellor alternativa desde todos os puntos de vista para afrontar a ampliación sería facelo no actual emprazamento en Praceres.

Por esta razón, Mato Otero adiantou que “en breve” o seu departamento iniciará a tramitación ambiental e administrativa co fin de obter a concesión de Costas para a ocupación dos terreos anexos necesarios para facer a ampliación, así como a redacción do correspondente anteproxecto para poder licitar as obras tan pronto como se completen estes trámites.


- Te recomendamos -