A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, xunto co alcalde do municipio, Elías Rodríguez, supervisaron as obras que se están a executar
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a executar obras de humanización da rúa principal do núcleo de poboación O Castelo, no concello ourensán de Rubiá. Esta actuación execútase ao abeiro da orde de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, xunto co alcalde do municipio, Elías Rodríguez, visitou o núcleo do Castelo, pertencente á parroquia de O Barrio de Cascallá, e supervisou as obras no que o Goberno galego inviste 59.738 euros.
Trátase dunha actuación que se inscribe no programa de axudas da Xunta dirixido aos concellos orientado a contribuír á humanización das vilas e cidades galegas, co obxectivo de frear o despoboamento mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación. Segundo as bases da convocatoria a Rubiá, por seren un concello de menos de 5.000 habitantes, a achega autonómica que lle corresponde é do 100 por cento do proxecto.
As obras que se están a executar consisten na mellora do pavimento que está moi deteriorado pola súa antigüidade e na instalación de sumidoiros de reixa e de alumeado público, infraestruturas das que ata o momento carecía a zona. Proxéctase tamén a creación dunha zona verde, no entorno do local social.
Díaz Mouteira afirmou que a Xunta traballa “polo desenvolvemento das vilas e dos núcleos de poboación con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social, para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación co fin de incrementar o atractivo das áreas rurais”.
- Te recomendamos -