Inicio Galicia Medio Ambiente investirá case 365.000 euros na habilitación dunha nova senda peonil...

Medio Ambiente investirá case 365.000 euros na habilitación dunha nova senda peonil no Concello de Cabana de Bergantiños

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe unha reunión co rexedor do municipio coruñés, José Muíño


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investirá no Concello de Cabana de Bergantiños un total de 364.898,2 euros na posta en marcha dunha nova senda peonil na parroquia de Cesullas. Este foi un dos asuntos que centrou a reunión que mantiveron hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño.

O proxecto consiste na pavimentación da calzada e dun aparcamento próximo, así como a construción de dous muros para a contención de terras. Tamén inclúe a instalación de sinalización vertical e horizontal na zona a acondicionar.

A obra financiarase na súa totalidade con cargo a unha orde de subvencións da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo convocada este ano para a mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos galegos. A contratación dos traballos, nestes momentos aínda pendente de adxudicación, correrá a cargo do concello, que disporá de dúas anualidades (2018 e 2019) para a execución e xustificación das obras.

A conselleira subliñou a importancia que ten para concellos como o de Cabana poder contar coa colaboración económica da Xunta para impulsar intervencións de humanización coma esta, que permitirá incorporar ao municipio unha nova senda peonil entre Aspera e Picón, na marxe da estrada AC-429, ao seu paso pola parroquia de Cesullas.

A obra prevista permitirá habilitar un sendeiro que garanta que os veciños da zona poidan transitar polo marxe da estrada pero fóra dela, que era como o tiñan que facer ata o de agora. Trátase dunha zona urbana lineal que foi crecendo na marxe da estrada. Os traballos tamén inclúen a dotación de conducións soterradas de abastecemento e sumidoiros e canalización de telecomunicacións que permitan soterrar as liñas aéreas.


- Te recomendamos -