Inicio Galicia Medio Ambiente inicia mañá os traballos para a eliminación de dous puntos...

Medio Ambiente inicia mañá os traballos para a eliminación de dous puntos de vertido incontrolado no concello de Rianxo

0

As actuacións, nas que se prevé investir preto de 100.000 euros, enmárcanse dentro dun programa da Xunta para erradicar este tipo de focos de contaminación  

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciará mañá, martes 16 de outubro, os traballos para a eliminación de dous puntos de vertido incontrolado (PVI) no Concello de Rianxo cun custo estimado inicialmente de case 100.000 euros. Esta nova actuación forma parte dunha campaña continuada da Xunta para identificar e erradicar estes focos, nos que se van depositando e acumulando residuos sólidos de distinta natureza, co prexuízo que isto ocasiona para o entorno tanto desde un punto de vista ambiental como estético.

No caso de rianxoos puntos sobre os que se vai actuar están localizados concretamente nos lugares de A Cruz e Porto. Os traballos consistirán na recollida, clasificación e retirada do material acumulado nestas zonas e que a primeira vista, e sen prexuízo do que se poida atopar conforme avance a actuación, consiste basicamente en residuos procedentes da construción e demolición, plásticos, madeira, pneumáticos fora de uso, voluminosos, vidro, e aparatos eléctricos e electrónicos.

Así mesmo, tamén se traballará na revexetación dos solos mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira.

Coa limpeza dos puntos de vertido incontrolado perséguese minimizar e corrixir os impactos e a degradación ambiental orixinados polos vertidos incontrolados, logrando a integración do lugar coa súa contorna e eliminando o hábito de seguir depositando lixo nestes lugares.

Correcta xestión dos residuosEste tipo de actuacións por parte da Xunta forman parte dunha estratexia global continuada para lograr unha correcta xestión dos residuos mediante a súa reciclaxe e tratamento, na que tamén se inclúen outro tipo de instalacións, como son os puntos limpos.

O obxectivo común destes programas é axudar e facilitar aos concellos o cumprimento das súas responsabilidades en materia de xestión dos residuos urbanos, unha competencia que é municipal, e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión dos mesmos, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).


- Te recomendamos -