A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse co rexedor Antonio Montero, quen lle trasladou os seus plans para acondicionar e mellorar a contorna do Campo da Festa
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración co Concello de Avión (Ourense) para impulsar un proxecto de humanización de espazos públicos. Así llo trasladou á conselleira o rexedor de Avión, Antonio Montero, no transcurso dunha xuntanza na que abordaron diversos asuntos de interese para o municipio.
Concretamente, a actuación que lle presentou céntrase na mellora e no acondicionamento dun paseo do Campo da Festa municipal. O obxectivo das obras, tal e como lle trasladou o alcalde a Ángeles Vázquez, é poñer en valor esta zona como espazo de convivencia e ocio entre a veciñanza.
Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente promove e colabora a través de diversas liñas de axudas dirixidas aos concellos no desenvolvemento de intervencións urbanísticas orientadas a frear o despoboamento do rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas.
De feito, o Concello de Avión levou a cabo no ano 2011 un proxecto de humanización para a adecuación da praza da Igrexa de San Xusto e San Pastor por un importe total de 340.345,70 euros, actuación para a que contou co apoio económico da Consellería de Medio Ambiente.
- Te recomendamos -