Inicio Galicia Medio Ambiente estudará colaborar co concello de Tordoia na humanización da contorna...

Medio Ambiente estudará colaborar co concello de Tordoia na humanización da contorna da Igrexa de Vila de Abade

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión co rexedor municipal, quen lle presentou o proxecto redactado polo Concello


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar co Concello de Tordoia nas obras de humanización da contorna da Igrexa de Vila de Abade. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión co alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares, na que o rexedor local trasladoulle á conselleira o contido do proxecto para a humanización da Rúa Igrexa de Vila de Abade.

En liñas xerais, o proxecto -dun importe estimado de 70.000 euros- consiste na pavimentación da calzada e dun aparcamento próximo, así como a construción de dous muros para a contención de terras. Tamén inclúe a instalación de sinalización vertical e horizontal na zona a acondicionar.

Pola súa banda, Vázquez Mejuto indicoulle que trasladará á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo dita proposta, co fin de analizar a viabilidade do proxecto, tanto a nivel técnico como orzamentario, dentro das contas que manexará o seu departamento no ano 2019.

A conselleira destacou que a importancia destas actuacións reside no feito de apostar polo desenvolvemento das vilas e dos núcleos de poboación con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social, para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación co fin de incrementar o atractivo das áreas rurais.


- Te recomendamos -