A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a rexedora Luisa Piñeiro reuníronse esta tarde para analizar diversos asuntos de interese para o municipio pontevedrés
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, mantiveron unha reunión de traballo esta tarde durante a que analizaron diversos proxectos de interese para o concello pontevedrés en materia urbanística.
Concretamente, a rexedora trasladoulle á conselleira que lle gustaría poder contar coa colaboración da Xunta para levar adiante unha serie de intervencións no casco urbano de Santa Lucía, centradas sobre todo na humanización de rúas e na recuperación integral dalgunha praza. Ángeles Vázquez, pola súa parte, comprometeuse a estudar con detalle o contido destes proxectos, que o Concello de Moraña quedou en enviarlle nas próximas semanas.
Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente promove e colabora a través de diversas liñas de axudas dirixidas aos concellos no desenvolvemento de intervencións urbanísticas orientadas a frear o despoboamento do rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas.
- Te recomendamos -