A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión co rexedor José Luis Fernández Mouriño, durante a que trataron varios asuntos de interese para o concello
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración co Concello de Carral (A Coruña) para levar a cabo un proxecto de humanización de espazos públicos. Durante unha reunión coa responsable autonómica, o rexedor de Carral, José Luis Fernández Mouriño, explicoulle que o concello ten sobre a mesa varias actuacións de mellora e rexeneración urbanística no municipio.
Concretamente, o alcalde referiuse a un proxecto de humanización que incluiría, entre outros traballos, a instalación de beirarrúas nunha das principais vías do concello e a restauración dunha fonte municipal, actuación para a que, tal e como lle trasladou á conselleira, espera poder contar co apoio da Xunta.
Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente promove e colabora a través de diversas liñas de axudas dirixidas aos concellos no desenvolvemento de intervencións urbanísticas orientadas a frear o despoboamento do rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas.
De feito, o Concello de Carral levou a cabo nos últimos anos varios proxectos de humanización de espazos públicos grazas ao apoio da Consellería de Medio Ambiente. Así, en 2010 acometeu a urbanización do Campo da Feira, cun investimento total de 353.400,59 euros, e o ano pasado rematou outra actuación importante na Praza do Curro da Corna, por valor de 471.857,66 euros.
- Te recomendamos -