A partir da próxima semana e durante tres meses desenvolveranse unha serie de accións de rúa baixo o lema ‘Únete ao reto’ nun total de 15 municipios galegos, elixidos para participar nesta primeira fase pola súa representatividade
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou esta mañá a campaña Recicla, respira e supérate. Únete ao reto, impulsada en colaboración con Ecoembes co fin de fomentar a reciclaxe de envases lixeiros nun total de 15 concellos pola vía da concienciación e mediante diversas accións de impacto na rúa.
Durante o acto de presentación, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, explicou que o obxectivo é que nos tres meses que durará a campaña, os concellos participantes melloren polo menos nun 10% a porcentaxe das achegas que fixeron ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e bricks) no mesmo período do ano anterior. Aqueles que o logren, recibirán como recompensa 2.000 euros, cantidade que poderán destinar á causa social que elixan.
Pola súa banda, Ángel Hervella, director de Xestión Local e Autonómica de Ecoembes, a organización que fomenta a economía circular en España pola vía da recuperación de envases, resaltou o compromiso dos cidadáns e da administración galega co medio ambiente a través da reciclaxe.
Esta novidosa iniciativa comezará a desenvolverse a próxima semana e prolongarase ata o mes de xullo nos 15 concellos que participan nesta primeira fase de carácter “experimental”. Concretamente, Únete ao reto chegará a Santiago, Ferrol, Narón, Ribeira, Boiro, Lugo, Monforte, Viveiro, Vilalba, Ourense, O Barco, Pontevedra, Vilagarcía, Redondela e Marín, municipios que, segundo explicou Ferreira, foron escollidos tras analizar as zonas nas que a campaña tería un maior impacto e pola súa representatividade, xa que en total suman preto de 700.000 habitantes.
Para cumprir cos obxectivos marcados, están programadas unha serie de actuacións na rúa coas que se buscará comprometer á cidadanía na mellora das taxas de reciclaxe de envases lixeiros nos seus respectivos concellos.
A idea é apostar por accións innovadoras e rechamantes entre as que figuran, como explicou María Cruz Ferreira, a instalación temporal dun contedor xigante amarelo nun lugar público e visible, a mobilización dunha caravana de bicicletas para percorrer as rúas máis transitadas publicitando a campaña, a iluminación de edificios singulares dos concellos ou a realización de graffitis no chan mediante unha técnica non agresiva que permite que a pintura desapareza ao cabo dunhas semanas.
De forma paralela a estas actividades, a mensaxe tamén se reforzará cunha campaña de comunicación pensada sobre todo para redes sociais, coa intención de chegar ao público máis novo, e co reparto de merchandising entre a cidadanía e os comercios e locais de hostalería dos municipios participantes.
Así mesmo, os alcaldes e representantes municipais poderán colaborar e actuar como embaixadores da campaña, para o que a próxima semana se lles fará entrega dun kit de benvida con todos os elementos promocionais de Únete ao reto e información específica co calendario de actividades previsto en cada concello.
Trátase dunha campaña dinámica que contará con actividades comúns pero que non necesariamente se van desenvolver de forma simultánea nin continuada nos 15 concellos. De feito, os 20 monitores que se encargarán de informar á xente e dinamizar as accións de rúa programadas estarán un mínimo de 14 días e un máximo de 25 en cada un dos municipios nos que se vai centrar a campaña.
Outras iniciativas para fomentar a reciclaxeA campaña Únete ao reto súmase ás múltiples accións e iniciativas que se están a desenvolver no marco do convenio de colaboración asinado en 2016 entre a Xunta de Galicia e Ecoembes co fin de fomentar a reciclaxe na comunidade.
Entre elas, cómpre mencionar o Proxecto Horeca, destinado a locais de hostalería, restauración e catering co fin de fomentar a recollida de envases neste sector, a campaña Separa con xeito, para incentivar a reciclaxe en feiras e feiróns que se desenvolven por toda a comunidade, ou a colocación duns 2.500 novos contedores para a recollida de envases e de papel e cartón en 182 concellos.
Todas estas actuacións están a ter xa efectos directos e visibles en Galicia, ao detectarse un aumento da recollida de envases respecto a meses anteriores. Con este mesmo obxectivo, a campaña presentada hoxe aspira a seguir mellorando as porcentaxes de residuos depositados no contedor amarelo, inicialmente nos 15 concellos adheridos e nunha segunda fase, no resto de Galicia.
- Te recomendamos -