Inicio Galicia Medio Ambiente e Compostela Monumental colaborarán para promover o uso de bolsas...

Medio Ambiente e Compostela Monumental colaborarán para promover o uso de bolsas reutilizables no casco histórico

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión con representantes da asociación de comerciantes e empresarios, que lle trasladaron a súa satisfacción polos avances na futura Lei de Rehabilitación


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta tarde con representantes da asociación Compostela Monumental que lle trasladaron a posibilidade de colaborar conxuntamente nun proxecto piloto para fomentar o uso de bolsas reutilizables entre os comerciantes do casco histórico de Santiago.

Con este obxectivo, segundo lle explicou o presidente da entidade, José Manuel Bello Rey, Compostela Monumental traballará no deseño dunha bolsa de material ecolóxico que sirva para promocionar a imaxe dun casco vello sustentable pola vía do fomento de prácticas de consumo máis respectuosas co medio ambiente.

Así mesmo, o presidente da asociación tamén aproveitou a xuntanza para amosar a súa satisfacción polos últimos avances na tramitación da futura Lei de Rehabilitación, a primeira normativa deste tipo coa que contará Galicia e cuxo anteproxecto foi remitido o mes pasado ao Consello Económico e Social para sometelo á súa consulta e valoración. Nesta liña, Bello Rey trasladoulle á conselleira o interese do sector nesta lei, que agardan poder coñecer máis en profundidade tan pronto como sexa aprobada.

COCAHICompostela Monumental forma parte da Confederación Española de Cascos Históricos (COCAHI), unha organización que preside tamén José Manuel Bello Rey e que ten coma obxectivo principal defender os intereses dos comerciantes destas zonas e promover actuacións públicas ou privadas co obxectivo de conservar, protexer e promocionar os cascos antigos de todo o país.

Precisamente, hai unha semana a xunta directiva de COCAHI mantivo unha xuntanza co presidente da Xunta e a conselleira de Medio Ambiente durante a que lles trasladaron as súas felicitacións polo traballo realizado para dotar a Galicia da súa primeira Lei de Rehabilitación.


- Te recomendamos -