A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo vén de aprobar definitivamente a corrección de erros do PXOM neste ámbito de solo urbano consolidado, o que devolverá a normalidade urbanística ao municipio
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, vén de aprobar definitivamente a corrección de erros do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Moaña no ámbito do antigo Plan Parcial Rosal Sur. Esta decisión suporá, na práctica, o desbloqueo do outorgamento de licencias nesta zona e devolve a normalidade urbanística ao municipio pontevedrés.
O planeamento do Concello de Moaña, no que rexe un PXOM aprobado de forma parcial no ano 2011 e definitivamente en 2016, conta cun problema endémico que consiste nun desprazamento en dirección suroeste das aliñacións oficiais no ámbito do antigo plan parcial Rosal Sur, clasificado polo plan xeral como solo urbano consolidado.
Este erro de tipo cartográfico débese a unha incorrecta posición da volumetría proposta na ordenación que recollía o Plan Parcial, e que foron superpostos de xeito incorrecto na trama do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Isto fai que a case a totalidade das edificacións se atopen fora de ordenación, xa que as aliñacións están desprazadas en 2,89 metros.
O ámbito Rosal Sur conta na actualidade con edificacións construídas conforme a ese plan parcial pero debido ao erro referido, o Concello non puido autorizar determinadas licenzas urbanísticas regradas.
Coa aprobación definitiva desta corrección de erros no ámbito do antigo Plan Parcial Rosal Sur ponse fin ao problema da superposición incorrecta na planimetría, ao tratarse dun desprazamento de puntos, aínda que non alteran as distintas relacións espaciais do plan.
Todo elo redundará en beneficio das tramitacións ordinarias vinculadas á intervención na edificación, posibilitando tamén recuperar a normalidade urbanística do Concello de Moaña e desbloqueando, polo tanto, a tramitación de licenzas, que co erro existente non eran viables urbanisticamente.
- Te recomendamos -