Inicio Galicia Medio Ambiente dará prioridade ás accións paisaxísticas dos concellos que voluntariamente asinen...

Medio Ambiente dará prioridade ás accións paisaxísticas dos concellos que voluntariamente asinen un pacto pola paisaxe

0

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o presidente da Fegamp asinaron un protocolo de colaboración para o desenvolvemento desta figura que recolle a Lei de Protección da Paisaxe de Galicia

Co obxectivo de salvagardar os elementos que configuran as paisaxes de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio priorizará a súa colaboración naquelas actuacións paisaxísticas a desenvolver polos concellos que teñan asinado un pacto pola paisaxe. Así o afirmou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, que xunto co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García Rodríguez, asinou un protocolo de actuación entre o Instituto de Estudos do Territorio e a Fegamp para o desenvolvemento dos Pactos pola paisaxe.

Tal e como explicou a conselleira, os pactos pola paisaxe -ademais de estar recollidos na Lei de protección da paisaxe de Galicia (Lei 7/2008 do 7 de xullo)- son instrumentos de concertación entre as administracións públicas, as entidades locais e outros axentes económicos e sociais dun determinado territorio que de maneira voluntaria desexen promover accións de protección.

Tendo en conta que a paisaxe poderá constituír un motor para o desenvolvemento socioeconómico dun concello, pois é un recurso para diferentes actividades económicas (turismo, producións agrarias de calidade,..) e sumado ao feito de que unha maior calidade paisaxística dun territorio atrae residentes, empresas e investimentos ao mesmo; a Consellería de Medio Ambiente colaborará naquelas actuacións paisaxísticas que teñan por obxectivo humanizar as vilas e promover a súa mellora e a súa integración paisaxística.

Así, a invitación á Fegamp para colaborar neste obxectivo é importante e necesaria, pola súa representatividade, xa que abarca todos os municipios e provincias de Galicia e representa a maior vía de difusión e execución dentro dos concellos.

A colaboración entre ambas institucións servirá para acadar unha maior eficacia e coordinación dos entes integrantes da administración local de Galicia na elaboración dos pactos pola paisaxe, garantindo a súa redacción dun xeito coordinado e eficiente e posibilitando adecuar o seu contido ás normativas vixentes e as especiais singularidades de cada zona.

Cerdedo-Cotobade, primeiro concello con Pacto pola paisaxeA conselleira de Medio Ambiente explicou que os rexedores municipais son conscientes de que a mellora da paisaxe contribúe a unha mellor calidade de vida da poboación. Nese sentido, destacou que os concellos galegos tomen nota do paso que avanzará o concello de Cerdedo-Cotobade, xa que será o primeiro municipio en asinar o primeiro Pacto pola paisaxe.

O obxectivo fixado é a protección, xestión e ordenación da paisaxe dos meandros do Lérez, unha Área de Especial Interese Paisaxístico, recollida no Catálogo das Paisaxes de Galicia. Grazas a esta iniciativa afondarase na posta en valor dos elementos de interese paisaxístico desta zona (fervenzas, muíños, sendas…) , así como na análise da dinámica, os valores e os impactos da paisaxe da mesma.

Marco de colaboraciónO protocolo de colaboración asinado esta mañá será o marco polo que se guiarán as futuras sinaturas dos pactos pola paisaxe. Así, a Consellería de Medio Ambiente -a través do IET- incentivará que ditos pactos se desenvolvan co seguinte contido mínimo: delimitación do ámbito de actuación, identificación das eivas que se pretenden resolver ou das situacións que se queren mellorar, identificación das accións concretas e específicas que teñen que emprender os axentes e determinación dos medios.

Pola súa banda, a Fegamp promoverá a adhesión municipal aos pactos, a súa difusión e levará a cabo as labores de intermediación entre as partes; e tamén se compromete a poñer a disposición dos concellos de Galicia a súa infraestrutura, medios materiais e humanos, organización e capacidade de xestión para acadar o obxectivo do presente protocolo.

Mato Otero indicou que o Goberno galego tamén quere promover accións de formación, sensibilización e divulgacións que teñan por finalidade a promoción do entendemento, respecto e salvagarda dos elementos que configuran as paisaxes de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e o presidente da Fegamp coincidiron en que a mellor forma de fomentar a protección da paisaxe é dala a coñecer.


- Te recomendamos -