As actuacións, cun custo inicial de case 4.000 euros, enmárcanse dentro dun programa continuado da Xunta para erradicar este tipo de focos de contaminación
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de iniciar os traballos para a eliminación dun punto de vertido incontrolado (PVI) no Concello de Boimorto (A Coruña) cun custo estimado de case 4.000 euros. Esta nova actuación forma parte dunha campaña continuada da Xunta para identificar e erradicar estes focos, nos que se van acumulando residuos sólidos de distinta natureza co prexuízo que isto ocasiona para a contorna desde un punto de vista ambiental e estético.
No caso de Boimorto o punto sobre o que se está a intervir localízase concretamente no lugar de Boimil. Os traballos consistirán na recollida, clasificación e retirada do material acumulado nesta zona e que, a primeira vista e sen prexuízo do que se poida atopar conforme avance a actuación, consiste basicamente en pneumáticos fóra de uso.
Así mesmo, tamén se traballará na revexetación dos solos mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira.
Coa limpeza dos puntos de vertido incontrolado perséguese minimizar e corrixir os impactos e a degradación ambiental orixinados polos vertidos incontrolados, logrando a integración do lugar coa súa contorna e eliminando o hábito entre a poboación de seguir depositando lixo nestes lugares.
Correcta xestión dos residuosEste tipo de actuacións por parte da Xunta forman parte dunha estratexia global continuada para lograr unha correcta xestión dos residuos mediante a súa reciclaxe e tratamento, na que tamén se inclúen outro tipo de instalacións, como son os puntos limpos.
O obxectivo común destes programas é axudar e facilitar aos concellos o cumprimento das súas responsabilidades en materia de xestión dos residuos urbanos, unha competencia que é municipal, e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión dos mesmos, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).
Con este fin, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de anunciar que nas contas do vindeiro exercicio estableceranse 1,5 millóns de euros para continuar co esforzo de eliminar puntos de vertido incontrolado e recuperar os espazos naturais degradados, especialmente os que se atopan en zonas protexidas dentro da Rede Natura.
- Te recomendamos -