Inicio Galicia Medio Ambiente colaborará na posta en marcha da primeira Vía Verde Ferroviaria...

Medio Ambiente colaborará na posta en marcha da primeira Vía Verde Ferroviaria de Galicia que unirá Portas, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión cos rexedores dos municipios polos que pasa esta senda para coñecer os detalles dun “proxecto de cohesión e de posta en valor do patrimonio natural”

A Xunta de Galicia colaborará na posta en marcha da que será a primeira Vía Verde Ferroviaria de Galicia e que unirá os concellos de Portas, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa. Así o trasladou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aos tres rexedores municipais polos que transcorrerá esta senda e cos que mantivo unha reunión de traballo, para coñecer os detalles desta idea que se pode definir como “un itinerario ambiental, paisaxístico, turístico e patrimonial”.

Vázquez Mejuto manifestou que se trata dunha iniciativa moi interesante que asentará unha nova alternativa de ocio sustentable e de turismo de natureza nestes tres concellos da Comarca do Salnés; pero sobre todo é un exemplo de “proxecto de cohesión dos territorios destes tres municipios”; ademais de marcar un fito ao converterse na primeira Vía Verde Ferroviaria de Galicia.

Salientou que é unha “iniciativa de reciclaxe e de aproveitamento dos recursos naturais e paisaxísticos”, ao darlle un novo uso a un treito de case 10 quilómetros en desuso da liña de ferrocarril entre Vilagarcía de Arousa e Portas; ao tempo que se pon en valor o patrimonio natural da comarca, a través dunha senda que poderán empregar peóns e ciclistas. Nese sentido, ao longo do seu percorrido pódense gozar de bosques autóctonos, así como do patrimonio arquitectónico da zona, como a ponte de ferro sobre o río Umia ou o antigo apeadeiro de Ande.

Durante a xuntanza, indicou que unha garantía para sacar adiante esta iniciativa pasa pola sinatura dun convenio de colaboración, na que se establezan os termos nos que se executa este proxecto, no que tamén poden colaborar outras administracións interesadas, como a Deputación Provincial de Pontevedra, que xa ten manifestado publicamente o seu interese de contribuír neste proxecto, engadiu. Por último, a conselleira de Medio Ambiente trasladou a vontade da Xunta para asinar na maior brevidade posible o convenio de colaboración, co fin de facer realidade este novo reclamo turístico e medio ambiental para a zona do Salnés. 


- Te recomendamos -