Inicio Galicia Medio Ambiente celebra o Día Europeo da Rede Natura a través de...

Medio Ambiente celebra o Día Europeo da Rede Natura a través de actividades divulgativas nas súas aulas da natureza

0

O centro de Siradella organizou esta fin de semana a actividade ‘Xogo en familia, Rede Natura 2000’ e as aulas situadas no Courel e O Veral tamén se suman á celebración desta efeméride

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio conmemora esta semana o Día Europeo da Rede Natura 2000, unha celebración coa que cada 21 de maio búscase divulgar entre o público en xeral a presenza e o valor desta gran rede de espazos protexidos da Unión Europea.

Os actos conmemorativos en Galicia focalízanse nas aulas da natureza situadas en espazos Rede Natura. Concretamente, o centro de interpretación do monte Siradella, en O Grove, organizou onte a actividade de balde ‘Xogo en familia, Rede Natura 2000’. Así mesmo, as aulas da natureza do Courel e de O Veral (Lugo) tamén se suman á celebración desta efeméride con distintas actividades de carácter divulgativo.

Cómpre lembrar que a Rede Natura é a máis ampla e ambiciosa rede de espazos naturais protexidos do mundo, formada na actualidade por máis de 27.000. Os espazos que a integran chámanse Zonas Especiais de Conservación (ZEC) pola súa importancia para a conservación dos hábitats e especies de interese comunitario, e Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), destinadas á conservación das aves silvestres e migratorias de Europa.

Na actualidade, en Galicia existen 59 ZEC e 16 ZEPA, que abarcan o 12% da súa superficie, dende os espazos litorais ata os de alta montaña. Todos estes espazos constitúen unha magnífica representación da biodiversidade e a riqueza natural e paisaxística de Galicia, ademais de oportunidades para o desenvolvemento rural e beneficios para a sociedade.


- Te recomendamos -