Este foi un dos puntos abordados no Comité Galego de Pesca presidido esta mañá pola directora xeral de Patrimonio Natural
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2018-. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, analizará a proposta dos representantes do Comité Galego de Pesca da necesidade de reducir as cotas de captura de salmónidos en xeral.
Este foi un dos temas abordados no Comité Galego de Pesca, reunido esta mañá e presidido pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo. A directora xeral indicou que esta proposta, que conta cun amplo consenso no seo do Comité, será avaliada tecnicamente co fin de acadar unha redución do cupo de xeito equilibrado.
Outro dos puntos abordados na reunión foi o fomento e implantación progresiva da modalidade de pesca sen morte nos ríos galegos, como unha ferramenta válida para impulsar a conservación e a preservación dos recursos piscícolas. Nese sentido, os asistentes coincidiron maioritariamente na necesidade de analizar pormenorizadamente a situación actual nos distintos ríos, co fin de poder acadar un incremento significativo dos tramos para a práctica da pesca sen morte de acordo coa tendencia que xa se está a establecer noutras comunidade limítrofes.
A merma de poboacións de ciprínidos en augas dos ríos da provincia de Lugo e Ourense foi outra cuestións exposta no seo desta reunión. A directora xeral indicou que é necesario coñecer as causas e razóns que poden afectar a este fenómeno, co fin de activar as medidas oportunas que mitiguen ditos efectos e garantir a supervivencia dos mesmos.
No eido da conservación das especies, fíxose unha exposición sobre o estudo que están a desenvolver expertos da Universidade de Santiago de Compostela, a petición da Consellería de Medio Ambiente, sobre as posibles afeccións das poboacións de corvo mariño grande sobre a ictiofauna dos ríos de Galicia, polo que se fará un inventario -para actualizar os datos de 2005- do censo de durmideiros, análise da dieta e a caracterización da carga de depredación desta especie invernante nos ríos de Galicia.
Por último, co fin de impulsar o emprego da sede electrónica como canle de comunicación entre as entidades colaboradoras de pesca fluvial (persoas e organismos) e a Administración, a directora xeral indicou que se traballará -en colaboración coa Amtega- na simplificación administrativa para a obtención da licenza interautonómica, polo que se revisarán os procedementos e se habilitarán as ferramentas para dixitalizar este procedemento.
- Te recomendamos -