Inicio Galicia Medio Ambiente abre o prazo de solicitudes para a pesca da lamprea...

Medio Ambiente abre o prazo de solicitudes para a pesca da lamprea nas augas do río Tea para a tempada do 2019

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se fixa a normativa para a práctica da pesca desta especie e se fixa a data para o sorteo para a adxudicación dos postos de pesca para a colocación de estacadas no río


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abre o prazo de presentación de solicitudes para a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Tea. Así o anuncia hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) onde se publica a orde de dita normativa para autorizar a pesca da lamprea e fixa o período para a tempada de 2019,A lamprea (Petromizon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no que se seguen a utilizar procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies.

Segundo a normativa que se publica hoxe, as lampreas péscanse desde pontóns de madeira (estacadas) autorizadas previamente. En cada unha pescan 4 persoas, un posto ao que os pescadores acceden mediante un sorteo previo.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días a partir de mañá, e os pescadores deberán estar en posesión da correspondente licenza e autorizados con permisos de 4ª categoría. Tamén deberán estar en posesión do libro de rexistro de capturas, debidamente cuberto e a disposición das autoridades.

O sorteo para a adxudicación dos postos de pesca para a colocación de estacadas no Tea terá lugar no refuxio da Freixa (Ponteareas) o 18 de xaneiro de 2019, ás 11 horas.

Na vindeira tempada, o período hábil de pesca estenderase do 4 de febreiro ao 11 de maio e realizarase en días alternos: o luns, mércores e venres desde as estacadas impares; e martes, xoves e sábados desde as pares. Prohíbese a pesca desde as 8,00 horas dos domingos ata as 21,00 horas dos luns; polo tanto,permítese a pesca desde as 21:00 horas do día autorizado ata as 08:00 horas do día seguinte.


- Te recomendamos -