A conselleira de Medio Ambiente adianta que se trata dunha iniciativa empresarial nunha fase da tramitación moi inicial e á que lle faltan moitos pasos moi importantes por dar na tramitación
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, afirmou hoxe que o proxecto da planta de residuos en Casalonga no Concello de Teo, se avaliará en profundidade e a súa autorización chegará só si se cumpre estritamente o que marca a lei actual. Mato Otero indicou que en decembro de 2017 entrou na Consellería un expediente para a instalacións dun centro de tratamento de residuos considerados non perigosos procedentes da industria agroalimentaria, a través dunha biodixestión e tratamento e concentración dos dixestatos na canteira de Casalonga, en Teo.
Indicou que esta iniciativa empresarial debe someterse á tramitación ambiental conxunta de actividades sometidas a autorización ambiental integrada e avaliación ambiental de proxectos e, polo tanto, “está nunha fase de tramitación moi inicial do proxecto”, matizou e engadiu que deberá ser sometida a información pública por un período de 30 días hábiles, solicitarase informe ao Concello de Teo e os veciños tamén poderán facer as alegacións a este proxecto.
A continuación, remitirase o expediente completo aos organismos implicados, para emitir o seu informe; o penúltimo paso, será remitir esa información á empresa promotora e finalmente -coa totalidade de información- proceder a resolver o expediente da planta de residuos.
En definitiva, o proxecto está nun punto moi inicial da tramitación, ao que lle faltan por dar pasos moi importantes; polo que é necesario deixar traballar aos técnicos que determinarán se o proxecto cumpre co establecido na lexislación vixente e coas esixencias do Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022 para este tipo de instalacións.
Por outro lado, a conselleira indicou que “a Xunta está a facer o que debe facer: tramitar o proxecto conforme ao disposto na lei”, tal e como se fai con calquera outro tipo de proxectos que chegan á Consellería de Medio Ambiente, administración que non outorgará autorización a ningún proxecto no caso de que haxa o máis mínimo incumprimento ou irregularidade.
Insistiu en que a Xunta sigue a única vía de procedemento axeitada, “a que nos dá os criterios técnico-ambientais que permiten tomar a decisión final”. Nese sentido, mandou unha mensaxe de tranquilidade aos veciños e solicitou “evitar crear alarmas sobre unha tramitación que aínda se está iniciando e que non se sabe como rematará”, puntualizou.
- Te recomendamos -