Apunta que nesta tempada 2018-2019 “o número de licenzas femininas xa chega practicamente ao 24% cando hai só un ano era do 20%”
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou no serán de hoxe na sexta Gala do Deporte Feminino Galego da Asociación de Mulleres Deportivas Galegas que tivo lugar no museo Verbum de Vigo. Alí a titular do Deporte galego gabou o traballo desta asociación e reivindicou que “todas as persoas que cren na igualdade deben axudar na transformación desta sociedade androcentrista”. “O deporte danos neste eido unha lección de igualdade construíndo unha sociedade máis xusta e equitativa”, engadiu.
No seu relatorio, Marta Míguez destacou como a poboación valora de igual xeito os éxitos deportivos femininos que os masculinos e deu conta das 34 medallas gañadas pola delegación española nos dous últimos Xogos Olímpicos que se saldaron cunha maioría de metais femininos (20). Do mesmo xeito valorou o traballo de institucións e administracións públicas para “mellorar a situación das mulleres no deporte” e apuntou medidas como os incentivos ao número de licenzas femininas e a porcentaxe de mulleres presentes nas xuntas directivas, a garantía do dereito de igualdade salarial, as novas vantaxes incluídas no borrador do Decreto de deportistas de alto nivel ou o desenvolvemento da Comisión Galega de Control da Violencia. Nas súas verbas, Marta Míguez tamén apuntou como nesta tempada 2018-2019 “o número de licenzas femininas xa chega practicamente ao 24% cando hai só un ano era do 20%”.
A secretaria xeral para o Deporte tamén destacou a coincidencia nos criterios da Xunta de Galicia e doutras asociacións como MUDEGA xa que dos 14 premios entregados hoxe, tres deles coinciden cos premios entregados pola Secretaría Xeral para o Deporte na Gala do Deporte Galego 2017. María Pérez Araújo, Susana Rodríguez Gacio e o Atlético Guardés foron premiadas en ambas as dúas cerimonias.
- Te recomendamos -