Na xuntanza participaron 24 responsables e técnicos de 16 concellos de Galicia -Ames (A Coruña), Baiona (Pontevedra), Boiro (A Coruña), Camariñas (A Coruña), Cangas (Pontevedra), O Carballiño (Ourense), Cee (A Coruña), Celanova (Ourense), Cervo (Lugo), Dumbría (A Coruña), Mondoñedo (Lugo), Narón (A Coruña), Ourense, Pontevedra, Sanxenxo (Pontevedra), Xinzo (Ourense)- e mais un técnico da FEGAMP
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, presentou hoxe na Escola Galega de Administración Pública a I convocatoria e posta en marcha do proxecto Concellos Activos, realizado ao abeiro do Plan Galego para o Fomento da Actividade Física, Galicia Saudable, que conta co obxectivo de facer fronte ao aumento das mortes, enfermidades e perda de saúde provocadas polo sedentarismo e a práctica insuficiente de actividade física.
A xuntanza na que participaron 24 responsables e técnicos de 16 concellos de Galicia -Ames (A Coruña), Baiona (Pontevedra), Boiro (A Coruña), Camariñas (A Coruña), Cangas (Pontevedra), O Carballiño (Ourense), Cee (A Coruña), Celanova (Ourense), Cervo (Lugo), Dumbría (A Coruña), Mondoñedo (Lugo), Narón (A Coruña), Ourense, Pontevedra, Sanxenxo (Pontevedra), Xinzo (Ourense)- e mais un técnico da FEGAMP, serviu para comezar a construír “un modelo de actuación centrado no concello, o máis realista, áxil e frutífero posible”. Segundo a secretaria xeral, o obxectivo desta colaboración é “deseñar un plan de actuación baseado nas necesidades e as capacidades de cada concello, coa axuda e o apoio da Xunta”. “Pretendemos deseñar, mediante unha metodoloxía colaborativa na que os concellos teñades unha voz valiosa, un modelo de intervención comunitaria para xerar estilos de vida activos e saudables para todos os galegos e galegas e para todas as idades e condicións”, continuou.
Marta Míguez solicitou aos responsables locais que “crean no deporte como ferramenta esencial para chegar á sociedade no seu conxunto, que traballen con ilusión polo deporte en todas as súas versións, que o acheguen a todos os espazos e a todos os ámbitos”.
Neste sentido, a responsable do Deporte galego sinalou que para acadar “os obxectivos aprobados no deseño orixinal do plan, que os galegos e as galegas sexan máis activos e máis saudables” e coa intención de chegar ao 100% da poboación, “é imprescindible a participación activa dos concellos en cada un dos diferentes ámbitos de actuación do Plan”. “Cada concello é o principal espazo de convivencia e de relacións da maioría das persoas e entidades e as decisións que se toman no ámbito local teñen unha enorme repercusión nos estilos de vida dos seus veciños”, engadiu.
- Te recomendamos -