Destaca a “exitosa presencia de deportistas galegos” en todas as disciplinas que “conseguiron importantes resultados para o noso deporte” e que quedan referendados cos “92 premios que entrega a Federación en recoñecemento ao traballo, esforzo e sacrificio levado a cabo por todos os actores da pesca galega nestes últimos catro anos”
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou hoxe na Gala do Deporte Galego da Pesca organizada cada catro anos pola Federación Galega de Pesca e Cásting e que nesta ocasión foi celebrada no Hotel Congreso. A máxima responsable do Deporte galego referiuse a Galicia como unha terra cun gran potencial hidrolóxico grazas á súa costa, sendo a segunda comunidade de España con máis quilómetros de costa e con máis bandeiras azuis nas súas praias e tamén grazas aos seus ríos polos que é coñecida como a terra dos mil ríos. Neste sentido, a secretaria xeral destacou a importancia do mar e os ríos de Galicia, “principais baluartes da Federación Galega de Pesca para practicar a pesca costeira, a pesca de altura e a pesca fluvial”.
A titular da carteira autonómica destacou asemade a “exitosa presencia de deportistas galegos” en todas as disciplinas da pesca que “conseguiron importantes resultados para o noso deporte” e que quedan referendados cos “92 premios que entrega a Federación en recoñecemento ao traballo, o esforzo e o sacrificio levado a cabo por clubs, adestradores, deportistas e demais actores da pesca deportiva galega nestes últimos catro anos”.
Así, ademais da gran lista de campións e campioas de España, destacou triunfos internacionais como as medallas de ouro en 2015, 1016 e 2018 e a medalla de bronce en 2017 de David Arcay Fernández no Campionato do Mundo por seleccións na modalidade de Salmónidos mosca; o subcampionato do Mundo xuvenil por seleccións en 2018 de Jacobo Mazás Saavedra ou o bronce no Campionato do Mundo por seleccións na modalidade mar costa Dúos en 2018 de Óscar Beceiro Sedes e José Ignacio Granda Bret.
Marta Míguez insistiu na importancia do “deporte que convive en paz e harmonía coa natureza, coa nosa contorna e coa nosa sociedade”. “Por iso seguiremos apoiando de xeito decidido todos aqueles eventos náutico-deportivos que temos en Galicia e que son un dos nosos principais activos turísticos, onde a pesca ocupa un lugar primordial”, engadiu. Deste xeito lembrou que do 15 ao 17 de novembro terá lugar en Ourense a segunda edición do Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’ onde terán acollida todas estas iniciativas.
- Te recomendamos -