Inicio Galicia Mañá comeza a veda da centola e do boi nas provincias da...

Mañá comeza a veda da centola e do boi nas provincias da Coruña e Pontevedra

0

A prohibición de extracción deste crustáceo prolongarase ata o vindeiro 11 de novembro, día incluído, en ambas provincias

A veda da centola e do boi na parte litoral que vai desde A Guarda ata Cabo Corrubedo e de Cabo Corrubedo ata Cabo Estaca de Bares comeza mañá e prolongarase ata o vindeiro 11 de novembro, día incluído. Na zona comprendida entre Cabo Estaca de Bares ata o Río Eo, incluíndo a ría do Barqueiro, a veda comezará o 30 de xuño, sábado, e prolongarase ata o vindeiro 2 de decembro.

Así o especifica a resolución pola que se aproba o plan de xestión destas especies para a campaña 2018-2019, que establece o período de veda para este ano nas provincias da Coruña e Pontevedra dende as 00:00 horas do sábado, 23 de xuño ata as 00:00 horas do domingo, 11 de novembro. Na provincia de Lugo a veda prolongarase das 00:00 horas do día 30 de xuño ata as 00:00 horas do domingo, 2 de decembro.

Desde o 1 de novembro de 2017, día desde o que estivo autorizada a extracción da centola, ata a actualidade vendéronse nas lonxas galegas máis de 518 toneladas desta especie por un importe de máis de 4,5 millóns de euros segundo os datos provisionais. Isto supón un 96% máis de produto e un 27% máis de facturación en relación á campaña anterior. No tocante ao boi, desde o 1 de novembro de 2017 ata a actualidade descargáronse nas rulas máis de 17 toneladas desta especie por un importe de máis de 130.000 euros.

O período de veda significa que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións por medio de calquera arte na nosa comunidade. Así as embarcacións dedicadas á captura de centola e boi con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto.

A veda é unha das medidas que contribúe a aumentar a biomasa e a regular a pesquería da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.  


- Te recomendamos -