Inicio Galicia Máis de 70 actividades acompañan a XLIV feira do Libro de Vigo,...

Máis de 70 actividades acompañan a XLIV feira do Libro de Vigo, que se prolonga durante 10 días na Porta do Sol

0

Ata o vindeiro 7 de xullo, a cidade convértese nun escaparate para as librarías viguesas e nun punto de encontro entre autores e lectores

A XLIV Feira do Libro de Vigo abriu hoxe as súas portas ao público e durante os seus 10 días de duración celebraranse na Porta do Sol máis de 70 actividades relacionadas coa promoción da lectura e o mundo da cultura, pensadas para público de todas as idades. Sinaturas e presentacións de libros, obradoiros, actuacións musicais e unha especial atención aos máis pequenos atraerán o interese dos lectores cara a esta cita cultural obrigada na cidade.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, fixo gala da súa orixe viguesa e destacou que “cada feira é un encontro anual coa cultura e os libros”, ademais de permitir que “novidades editoriais e clásicos de todos os tempos” saian á rúa, “incluíndo os libros como parte da vida cotiá da cidadanía”. No acto de inauguración da feira estiveron tamén presentes a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Anxo Lorenzo puxo en valor o traballo das bibliotecas públicas, ás que agradeceu a súa implicación na feira e das que dixo que son “un referente para que medre o amor polos libros”. Un interese pola lectura que o secretario xeral de Cultura atribuíu tamén aos escritores da cidade, que serán punto central na programación deste ano, desde os máis coñecidos, como María Oruña, Jorge Lamas, María Reimóndez, Isabel Blanco, Marcos Calveiro, Ledicia Costas ou Pedro Feijoo, ata autoras “moi prometedoras, como Nesa Costas ou noveles, de autoedición, como Amara Castro”.

Outro vigués ilustre, o editor e profesor Manuel Bragado, foi o pregoeiro desta XLIV edición da Feira do Libro de Vigo, na que participan librarías de referencia tanto da cidade como do resto de Galicia, como Nobel Gran Vía; M. Moleiro; El arte de la perfección; Pedreira; Lafer; Cortizas; Cartabón; Mendinho; Casa del Libro; Librouro; Libros para soñar; ademais da editorial Galaxia e as bibliotecas públicas da cidade, a municipal Neira Vilas e a de Vigo, Juan Compañel.

As Feiras do Libro de GaliciaAs Feiras do Libro de Galicia 2018 atópanse inmersas no seu percorrido pola xeografía galega, pola que estarán ata o 25 de agosto. Tras Vigo, unha das estadías máis longas do periplo, virán Rianxo, Ponteareas e A Coruña. Viveiro, Foz e Monforte de Lemos completan a programación deseñada pola Federación de Librarías de Galicia. A Consellería de Cultura e Educación colabora con esta iniciativa a través da Secretaría Xeral de Cultura. 


- Te recomendamos -