Son case que 20.000 máis que no mesmo momento da campaña de 2017
A Consellería de Sanidade informa que xa se teñen vacinado máis de 548.000 galegas e galegos na campaña "Contaxia a túa enerxía e non a gripe", iniciada o pasado 22 de outubro, e que remata hoxe. Estas cifras amosan un aumento total dunhas 20.000 persoas respecto ao mesmo momento da campaña do ano anterior.
Das persoas vacinadas, 386.000 tiñan 65 ou máis anos, unha das poboacións nas que esta vacina está especialmente indicada; o mesmo número de persoas que as vacinadas na campaña de vacinación antigripal do ano pasado. De seguir esta tendencia, ao remate da campaña estaríamos a falar de que se superaría o 57,8% de cobertura vacinal do pasado ano na poboación galega de 65 ou mais anos. Ademais da suba a nivel de poboación xeral, cómpre subliñar a mellora das coberturas entre os profesionais sanitarios, cun aumento de case un 30% máis, segundo os datos provisionais manexados e consolidando a tendencia dos últimos anos na que os profesionais sanitarios van incrementando a sua confianza nesta vacinación.É necesario destacar, igualmente, o espectacular incremento de vacinación das mulleres embarazadas, cun ascenso cercano ao 70% con respecto á campaña de 2017, probablemente debido a unha maior concienciación da importancia desta enfermidade no embarazo por parte das mulleres e dos profesionais sanitarios que as atenden.
Sanidade recorda que este ano en Galicia estase a atrasar a chegada da onda gripal e, polo tanto, todavía están a tempo de vacinarse todas aquelas persoas que o desexen e non o teñan feito. Así, aínda que a campaña remata hoxe, as persoas que estean interesadas poden acudir a vacinarse a algún dos 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade (centros de saúde e hospitais da rede Sergas, centros sanitarios privados, residencias da 3ª idade e outros).
A recollida das doses de vacina antigripal dos centros non se realizará ata a segunda quincena do mes de xaneiro, permanecendo as doses nos puntos en perfectas condicións para ser administradas.Últimos datos epidemiolóxicosNon se pode esquecer que o principal obxectivo desta campaña é minimizar o impacto en saúde da gripe na poboación galega mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela e, aínda que non empezou a onda deste ano, os últimos datos epidemiolóxicos publicados amosan xa 24 ingresos hospitalarios por esta enfermidade dos que 5 tiveron que ingresar en UCI.
Para máis información poden consultar a web temática da campaña (https://gripe.sergas.es), como o principal portal de información para a sociedade e os profesionais, con toda a información actualizada.
- Te recomendamos -