Inicio Galicia Máis de 513.000 galegos vacináronse xa contra a gripe, 3.700 máis que...

Máis de 513.000 galegos vacináronse xa contra a gripe, 3.700 máis que na mesma data do ano pasado

0

Cómpre recordar que a vacina é a mellor forma para protexerse fronte á gripe e evitar as complicacións asociadas a ela

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acudiu este mediodía a vacinarse da gripe no centro médico de San Caetano dentro da campaña de vacinación que está a levar a cabo o Servizo Galego de Saúde contra esta enfermidade. Cómpre subliñar que, ata o momento, xa son 513.161 os galegos que se vacinaron, 3.733 máis que na mesma data do ano pasado, na que había rexistradas 509.428 persoas.

Cómpre recordar que a vacina é a mellor forma para protexerse fronte á gripe e evitar as complicacións asociadas a ela. Así, os galegos que aínda non se vacinaron poden facelo ata finais do mes de decembro, data na que remata a campaña, nos 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade, entre os que destacan: centros de saúde e hospitais da rede Sergas ou residencias da terceira idade.

A Consellería de Sanidade recomenda a vacinación a todas as persoas de 60 ou máis anos, aos residentes en institucións pechadas de calquera idade, ás mulleres embarazadas e a aquelas persoas con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe. Así mesmo, tamén entran no grupo de risco aquelas persoas que poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións, entre os que se atopan os traballadores sanitarios, e as persoas que desenvolven servizos esenciais para a Comunidade.

Entre as novidades deste ano destaca que por primeira vez se lle ofreceu ao persoal sanitario a oportunidade de vacinarse desde o día 15 de outubro, oito días antes do inicio da campaña, co obxectivo de que puidesen afrontala xa protexidos. E o emprego da vacina antigripal tetravalente para as mulleres embarazadas e para os menores de 15 anos con algunha condición de risco.

Durante a pasada campaña do ano 2017 administráronse un total de 539.696 doses. Acadándose unha cobertura global nas persoas de 65 ou máis anos de case o 58%.


- Te recomendamos -