Inicio Galicia Máis de 5.000 pacientes beneficiáronse do Plan galego de atención ao ictus...

Máis de 5.000 pacientes beneficiáronse do Plan galego de atención ao ictus durante os dous primeiros anos de funcionamento

0

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou os datos de actividade do Plan ao cumprirse dous anos da súa posta en marcha

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para informar dos datos de actividade do Plan Galego de Atención ao Ictus, presentado ahora hai dous anos, e do que xa se beneficiaron máis de 5.000 pacientes. Dito plan, permitiu crear unha rede de atención a esta patoloxía en toda Galicia, xestionada como unha área única, para ofrecer a mellor atención á cidadanía, independentemente do lugar no que se produza, e acurtando sensiblemente os tempos de asistencia, á vez que se utilizan os recursos dunha forma máis eficiente.

Tal e como remarcou o conselleiro, dende a posta en marcha do Plan, no ano 2016, o número de interconsultas realizadas polos médicos responsables dos pacientes á Central de Atención ao Ictus foi de 1.426, o que supón unha media de 59 interconsultas por mes. Os hospitais que máis recorren á central son os comarcais, o que é unha mostra da eficacia desta central, xa que as persoas que máis se benefician son os pacientes que viven nás áreas máis afastadas, garantindo o acceso desta poboación ao mellor recurso asistencial posible (neurólogo experto en ictus).

En relación aos traslados dende os centros hospitalarios ás unidades de ictus, realizáronse un total de 178. Respecto do número total de código ictus activado nestes dous anos foi de 5.235, sendo as fibrinolise intravenosas realizadas un total de 735 e 260 trombectomías mecánicas.

Na súa intervención, o conselleiro destacou que, para cumprir co obxectivo de realizar un tratamento adecuado, foron creadas tres unidades de ictus, emprazadas nos complexos hospitalarios universitarios de Santiago, A Coruña e Vigo, entendidas como unidades específicas de coidados agudos. Ademais, o Sergas tamén puxo en marcha seis equipos de ictus nos hospitais de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Burela e Povisa (Vigo), consistentes nun grupo interdisciplinar de especialistas coordinado por un neurólogo ou outro especialista experto en ictus, que colaboran no diagnóstico e tratamento do paciente con ictus, e que contan con protocolos de coidados sistematizados.

Tamén remarcou o conselleiro a formación que se fixo aos profesionais para que nos servizos de urxencias de todos os hospitais, incluidos os comarcais, teñan a capacidade para realizar a fibrinolise intravenosa no caso de identificar un episodio de ictus isquémico.

Todo o anteriormente sinalado, -dixo Almuiña-, complétase coa Central de Atención ao Ictus, que é a unidade de coordinación e na que un equipo de neurólogos expertos en manexo e diagnóstico do ictus, dispoñibles as 24 horas do día os 365 días do ano, ofrecen soporte ao diagnóstico e tratamento ao médico responsable do paciente, calquera que sexa o hospital da rede sanitaria onde se encontre.


- Te recomendamos -