Na iniciativa xurdida ao amparo do proxecto WAOH! Route, Galicia participa xunto a tres socios máis e está a avanzar para configurar o seu produto turístico
Máis de vinte empresas galegas veñen de amosar o seu interese de entrar a formar parte da primeira ruta atlántica de turismo de mergullo, na que Galicia participa xunto a outras rexións de países europeos. Trátase da iniciativa conxunta xurdida ao amparo do proxecto Wildsea Atlantic Ocean Heritage Route (WAOH! Route), na que a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Turismo de Galicia, coordina a participación da Comunidade xunto a Reino Unido, Irlanda e Portugal.
Representantes deste pioneiro itinerario veñen de facer unha reunión de seguimento na cidade portuguesa de Porto, onde se avanzou no deseño do produto turístico que será o resultado deste proxecto, identificando mercados e perfís de usuarios. Amais, ofrecéuselle a posibilidade ás empresas interesadas en integrarse na plataforma online coa que xa conta a Rede Internacional Wildsea Europe –tamén especializada en turismo de mergullo e vinculada ao proxecto– onde se incorporaron 15 empresas galegas.
O portal de Wildsea ofrece visibilidade para que cheguen a un público internacional dentro do marco desta rede de destinos turísticos que traballan xuntos para impulsar o ecoturismo mariño en Europa. Dáse un paso máis para promover os seus produtos ao tempo que se abre camiño para formar parte dos produtos turísticos transnacionais que se desenvolverán no marco da ruta que incluirán outras actividades ademais do mergullo.
Presenza en feiras internacionaisA WAOH! Route conta co apoio financeiro do Fondo Europeo e Marítimo para a Pesca (FEMP) da Unión Europea e nace para fortalecer a Europa como un destino sustentable de alta calidade que é quen de crear unha identidade compartida baseada nos hábitats mariños e no amplo patrimonio subacuático do Atlántico. A Consellería de Cultura e Turismo vén promovendo o seu desenvolvemento desde principios deste ano, mantendo reunións co sector empresarial galego coa intención de crear unha rede de empresas formadas e preparadas para entrar neste itinerario e tamén para promover este segmento turístico en feiras internacionais de todo o mundo durante o vindeiro ano.
Continúase así avanzando nun proxecto que se aliña co traballo levado a cabo pola Xunta de Galicia a prol do modelo turístico sustentable. Tomando como fío condutor o turismo de mergullo, o proxecto permitirá combinalo con actividades náuticas que incluirán percorridos en kaiak polas rías galegas, observación de cetáceos ou mesmo actividades para descubrir patrimonio marítimo cuxo coñecemento a través de actividades de turismo subacuático permitirán promover a súa conservación e protección como atractivo de turismo cultural.
Ao abeiro deste pioneiro itinerario, do que está previsto presentar os resultados en 2019, tamén se conseguirá a creación dunha marca común que aglutine a actual oferta de actividades turísticas vinculadas ao mergullo, deportes náuticos, enogastronomía, turismo mariñeiro e tamén servirá de aliciente para atraer un mercado en crecemento, especialmente no eido internacional, onde se contabilizan seis millóns de mergulladores e máis de 20 millóns de afeccionados ao kaiak.
- Te recomendamos -