Inicio Galicia Máis de 100 alumnos de secundaria de catro concellos participaron nunha xincana...

Máis de 100 alumnos de secundaria de catro concellos participaron nunha xincana con motivo do Día Mundial contra o Tabaco

0

A actividade forma parte dos obradoiros de prevención das condutas adictivas que levaron a cabo os alumnos durante o presente curso escolar


Máis de 100 alumnas e alumnos de 2º da ESO de centros educativos dos concellos de Barro, Cuntis, Moraña e Portas, na provincia de Pontevedra, participaron hoxe nunha xincana con motivo do Día mundial contra o tabaco, que se celebra cada 31 de maio. Esta actividade é o remate dos obradoiros de prevención das condutas adictivas que levaron a cabo os alumnos e alumnas durante o curso escolar 2017/18. No acto de conmemoración, os rapaces leron o manifesto do Día mundial contra o tabaco. No transcurso deste acto tamén interviñeron o director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares, e os alcaldes dos concellos participantes.

A Xincana levouse a cabo no pavillón municipal de Barro, ao longo de toda a mañá e nela tomaron parte as alumnas e alumnos do IES de Barro, do CPI Aurelio Marcelino de Cuntis, do CPI Santa Lucía de Moraña e do CPI Domingo Fontán de Portas.

Protexer ás xeracións presentes e futurasA Consellería de Sanidade, con motivo do Día Mundial sen Tabaco, que se celebra hoxe, fai un chamamento a todas as organizacións e profesionais sanitarios, ás organizacións administrativas, autoridades laborais, poboación traballadora, centros docentes, medios de comunicación e a toda a cidadanía en xeral, convidándoos a adherirse ás campañas contra o tabaco para protexer ás xeracións presentes e futuras das devastadoras consecuencias sanitarias, sociais e ambientais e económicas do consumo de tabaco e da exposición ao seu fume, co fin de reducir de maneira continua e substancial o número de persoas fumadoras e a exposición pasiva ao fume do tabaco e, consecuentemente, as enfermidades e mortes causadas por esta substancia.

Dende o ano 1993, a Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, ten en marcha o Programa Galego de Promoción da Vida sen Tabaco, que engloba todas as estratexias e actividades para conseguir: Diminuír a mortalidade e morbilidade causada por patoloxías asociadas ao consumo de tabaco; reducir o número de fumadores da nosa comunidade; atrasar a idade de inicio do consumo de tabaco; asegurar o cumprimento da normativa vixente; coñecer a evolución da epidemia tabáquica, e avaliar a efectividade das actividades implantadas polo programa.

En Galicia, aínda que o consumo de tabaco está a diminuír, as cifras de prevalencia de fumadores diarios (en poboación maior de 16 anos) é de 17,6%, chegando a un 25% no grupo de idade entre 25 e 44 anos.


- Te recomendamos -