A actividade forma parte dos obradoiros de prevención das condutas adictivas que levaron a cabo os alumnos durante o presente curso escolar
Máis de 100 alumnos de 2º da ESO de centros educativos dos concellos de Barro, Cuntis, Moraña e Portas, na provincia de Pontevedra, participarán mañá nunha xincana con motivo do Día mundial contra o tabaco, que se celebra cada 31 de maio. Esta actividade será o remate dos obradoiros de prevención das condutas adictivas que levaron a cabo os alumnos durante o curso escolar 2017/18. Ademais terá lugar un acto de conmemoración, no que os rapaces lerán o manifesto do Día mundial contra o tabaco baixo o lema “o tabaco, rompe corazóns”. No transcurso deste acto tamén está previsto que interveñan o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares e os alcaldes dos catro concellos.
A Xincana levarase a cabo no pavillón municipal de Barro, ao longo de toda a mañá e nela tomarán parte os alumnos do IES de Barro, do CPI Aurelio Marcelino de Cuntis, do CPI Santa Lucía de Moraña e do CPI Domingo Fontán de Portas.“O tabaco rompe o corazón”A Organización Mundial da Saúde (OMS) promove dende o ano 1988 a celebración do Día mundial sen tabaco, para resaltar os riscos para a saúde asociados a fumar e á exposición pasiva do fume do tabaco, ademais de promover políticas eficaces para reducir o seu consumo.
Este ano, o lema elixido para este día é “o tabaco, rompe corazóns”, e nel se resumen os tres obxectivos da OMS para 2018 que son: resaltar a relación causal entre o tabaco, as cardiopatías e outras enfermidades cardiovasculares, reducir a morbi-mortalidade producida polas enfermidades cardiovasculares e animar aos países a reforzar a aplicación das medidas de loita contra o tabaco.
En Galicia o consumo de tabaco está a diminuir, Aínda así, o 16% da poboación maior de 16 anos fuma diariamente, chegando a un 22,85% no grupo de idade entre 25 e 44 anos.
O consumo de tabaco é un factor de risco importante de cardiopatía coronaria, accidente cerebrovascular e vasculopatía periférica. Ademais os fumadores, en especial os homes, teñen un maior risco de sufrir un aneurisma da aorta abdominal e o risco é maior nos que máis fuman. O tabaquismo contribúe nun 12% ás defuncións por estas patoloxías.
Os estudios sobre os beneficios para a saúde cardiovascular tralo abandono do consumo de tabaco indican que aos 12 meses, o risco de enfermidade coronaria redúcese á metade; aos cinco anos, o risco de infarto de miocardio, redúcese á metade, e aos 10 anos, o risco de padecer accidentes cerebrovasculares ou ataque cardíaco, igualase ao risco dos non fumadores. Deixar de fumar tras sobrevivir a un infarto de miocardio reduce o risco individual de mortalidade cardiovascular nun 36% en dous anos.
- Te recomendamos -