Inicio Galicia Lete Lasa felicita ao xornal La Región polo ?seu excelente traballo en...

Lete Lasa felicita ao xornal La Región polo ?seu excelente traballo en prol do deporte de Ourense e de toda Galicia? na entrega dos premios +Deporte

0

Sitúa o obxectivo do Goberno galego en “poñer os medios para axudar cada día a máis nenos e nenas a converterse en grandes deportistas, para o que precisamos das mellores infraestruturas” como a pista cuberta de Ourense

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participou no serán de hoxe na entrega dos premios +Deporte de La Región. No auditorio municipal, o máximo responsable do Deporte galego felicitou ao diario ourensán polo seu “excelente traballo en prol da actualidade e tamén do deporte da provincia e de Galicia”. Do mesmo xeito agradeceu aos deportistas ourensáns o seu traballo e pediulles non cesar “no empeño por ser cada día mellores, porque así estaredes contribuíndo a facer de Galicia un lugar mellor”.

Nas súas verbas lembrou como hai un ano, o 16 de decembro de 2017, o presidente da Xunta de Galicia “inauguraba en Ourense unha das tres mellores pistas de atletismo cubertas de España”. Unha infraestrutura, dixo, que foi un “éxito” xa que hoxe case o 30% dos 31 premiados e nomeados na Gala +Deporte representan a un deporte “tan tradicional e propio de Ourense e de Galicia como o atletismo”. “O noso obxectivo como Administración autonómica é seguir poñendo os medios para axudar cada día a máis nenos e nenas a converterse en grandes deportistas, e para iso precisamos das mellores infraestruturas”, engadiu.

Neste sentido, Lete Lasa transmitiu os seus parabéns aos nomeados individuais ao premio ao mellor deportista masculino e feminino -Iván Salgado (xadrez), Alejandro Fernández (atletismo) e Alejo Ares (atletismo), así como Eva Fernández (halterofilia), Beatriz Pereira (tiro olímpico) e Leticia Gil Pérez (atletismo)-; aos nomeados ao premio ao mellor deportista veterano masculino e feminino -Rubén Diz (atletismo), Luis Nogueira Fernández (atletismo) e Jesús Rodríguez León (piragüismo) pola banda dos homes e Emilia Mesa (atletismo), Cristina García Colomo (polideportivo) e Mónica Piñeiro (piragüismo) pola banda das mulleres-; e aos nomeados ao premio ao mellor deportista de base masculino e feminino -Miguel Barbado (bádminton), Alejandro Cid Masid (ximnasia), Carlos Canal Blanco (ciclismo), Antía Pérez (fútbol sala), Marta Rodríguez Cancio (ximnasio) e Ainhoa García (taekwondo)-.

Do mesmo xeito que os nomeados individualmente, o secretario xeral recoñeceu o bo facer dos conxuntos nomeados ao premio ao mellor equipo en categoría absoluta -ADAS O Barco de atletismo, Carnes do Ribeiro de balonmán e o Club Hóckey Barrocás- e de base -Bosco Infantil Feminino de baloncesto, ED Barbadás Cadete de fútbol e Sincro Ourense Infantil de natación artística-, e tamén fixo unha mención especial aos clubs que aspiraban a ser a mellor escola deportiva da provincia -Club Baloncesto Maside, Club Fluvial Allariz de Piragüismo e Club Asesou de escalada deportiva-. Por último o titular do Deporte galego destacou a importancia dos premios de adxudicación directa como foron o Premio deporte sen límites, a mención especial do xurado e o Premio ao espírito deportivo.


- Te recomendamos -