Inicio Galicia José González destaca o peso de Galicia na produción ecolóxica ao situarse...

José González destaca o peso de Galicia na produción ecolóxica ao situarse como primeira comunidade en explotacións de leite

0

A consellería ten en marcha un plan estratéxico da produción ecolóxica que sitúa o seu horizonte en 2022 e para o que hai un orzamento previsto dun 50 millóns de euros

O conselleiro do Medio Rural, José González, clausurou esta mañá en Santiago a II convención anual de gandeiros de leite ecolóxico do grupo Lactalis, onde destacou o peso da nosa comunidade na produción ecolóxica en xeral e no subsector do leite en particular, ao situarse Galicia como a primeira comunidade en explotacións deste tipo de leite.

José González salientou o apoio da Xunta a estas producións, pois marcan boa parte das tendencias de consumo no presente e, sobre todo, de futuro. Precisamente, a consellería ten en marcha un plan estratéxico da produción ecolóxica que sitúa o seu horizonte en 2022 e para o que hai un orzamento previsto dun 50 millóns de euros. “Impulsamos este eido produtivo desde o punto de vista da elaboración, transformación, comercialización e promoción”, dixo o conselleiro, xa que para garantir o éxito é imprescindible a unidade entre todos os axentes do sector, desde o gandeiro ata o consumidor, pasando pola industria, a distribución e a propia administración.

Ademais, o conselleiro lembrou que a alianza estratéxica entre produtores e industria, orientada cara a potenciación do ecolóxico, é un verdadeiro exemplo para todo o sector e animou aos presentes a continuar por esta vía no futuro.

Neste senso, o titular de Medio Rural agradeceu a aposta do grupo Lactalis por Galicia, xa que recolle leite a preto de 1.400 produtores, o que se traduce en máis de 456 millóns de litros no 2017. O conselleiro destacou tamén a intención que ten o grupo de recoller máis de 12 millóns de litros de leite ecolóxico no horizonte de 2020, sendo a maior parte do produto de explotacións galegas.

Así, o titular de Medio Rural destacou que para manter esa unidade e compromiso, a consellería traballa para fomentar a calidade das producións galegas e para iso tamén aposta pola mobilización de terras en desuso ou en situación de abandono. De feito, reiterou que contar cunha base territorial dabondo é unha ferramenta clave para o progresivo desenvolvemento do sector leiteiro e con ese obxectivo se traballa desde a Xunta. 


- Te recomendamos -