Inicio Galicia José González destaca a importancia da unión entre a Xunta e o...

José González destaca a importancia da unión entre a Xunta e o sector a prol dunha reforma da PAC que teña en conta as demandas de Galicia

0

O titular de Medio Rural sinalou que a Xunta seguirá traballando da man das organizacións profesionais agrarias nesa defensa dunha PAC forte e que contemple as peculiaridades da nosa comunidade, sobre todo no lácteo

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe que a unidade do sector e a Xunta en relación coa reforma da Política Agraria Común (PAC) “constitúe un elemento de fortaleza da nosa comunidade” e por iso insistiu tamén na “importancia de que Galicia conte cunha postura única e consensuada para defender os seus intereses e as súas particularidades en Bruxelas”.

O titular de Medio Rural sinalou que “seguiremos traballando da man das organizacións profesionais agrarias nesa defensa dunha PAC forte e que, ao mesmo tempo, contemple as peculiaridades de Galicia” e engadiu que isto farase “especialmente no que atinxe a sectores estratéxicos para nós coma o lácteo”.

Así o destacou José González na xuntanza do Consello Agrario Galego, o órgano de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Administración Autonómica en materia agraria. Este foro avaliou hoxe as principais liñas de actuación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), creada pola Xunta como “instrumento básico en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade, así como de potenciación da calidade da produción alimentaria galega en xeral”, segundo explicou o conselleiro.

Ademais, o titular de Medio Rural indicou que na Agacal agrúpanse todas as competencias relacionadas coa aplicación do I+D+i ao agro galego, así como as relativas á formación, de maneira que todos os centros formativos da Consellería dependen directamente desta axencia.

Liñas de traballoJosé González aproveitou tamén esta xuntanza do Consello Agrario para insistir en que a aposta pola calidade das producións agroalimentarias –con esa potenciación da Agacal– e a mobilización de terras en desuso, son dúas liñas fundamentais de traballo da Consellería no que resta de lexislatura.

En relación co segundo aspecto, lembrou que a Xunta está a traballar para apoiar a mobilidade dos terreos agrarios con diferentes medidas e entre elas salientou a futura Lei de Fomento da Mobilización da Terra Produtiva de Galicia, una norma que –dixo– “permitiranos actuar consonte as recomendacións do Ditame da Comisión Forestal do Parlamento galego”.

Neste sentido José González explicou que a futura lei favorecerá a axilización dos procedementos de arrendamentos a través do Banco de Terras e a conversión de Agader nunha axencia de desenvolvemento rural sostible, coa posibilidade de comprar terra abandonada para transmitirlla a empresarios agro-gandeiros ou forestais xa establecidos ou ben a xente que aposte polo rural. Así mesmo, este texto legal permitirá tamén o desenvolvemento de polígonos agro-gandeiros e forestais, coa fixación de parcelas mínimas en función do tipo de cultivo que se promova e de parcelas máximas que impidan o acaparamento de terras.

Finalmente, o conselleiro destacou a importancia de “achegar posturas entre todos os axentes do rural” co fin de levar adiante o labor necesario para poñer en valor o agro galego e facer del un espazo vivo e dinámico, un dos grandes obxectivos da Xunta.


- Te recomendamos -