Inicio Galicia Intervención do presidente da Xunta na cerimonia de entrega das Medallas Castelao...

Intervención do presidente da Xunta na cerimonia de entrega das Medallas Castelao 2018

0

A Igrexa de San Domingos de Bonaval lémbranos que o ser humano non é inmortal, pero poden ser inmortais as súas ideas.

Rodéanos o eco de ilustres galegos do pasado que aquí repousan e que son unha representación doutros moitos que soñaron unha terra moi diferente á que viviron. Somos fillos das súas ideas. En todo o que Galicia é nesta altura do século XXI, están os seus pensamentos, anhelos e inquedanzas.

Esas ideas perpetúanse, son acollidas polo pobo, transfórmanse en vontade colectiva e desembocan non soamente en institucións, senón, sobre todo, nun xeito singular de entender a convivencia.É certo que os galegos temos un carácter propio. Non o é que esa mentalidade que nos distingue sexa produto do azar. Foi conscientemente labrada e cultivada por homes e mulleres que moldearon a nosa maneira de ver e estar no mundo.

A pouca distancia de onde nos atopamos está a Porta do Camiño, lugar de entrada inmemorial dos peregrinos chegados polo Camiño Francés.

Pasaron nove séculos desde que o Códice Calixtino recollera a información sobre este acceso e, non obstante, aínda compartimos as ideas que animaban os galegos de entón cando daban a benvida aos forasteiros. Máis preto no tempo, tal día como hoxe do ano 1984, regresaban ao noso país os restos de Alfonso Rodríguez Castelao como se dun peregrino póstumo se tratase.

Retornaba o patriarca a unha Galicia que daba os seus primeiros pasos coa democracia e o autogoberno, impulsada por moitos homes e mulleres que tiñan en lugar senlleiro das súas bibliotecas o Sempre en Galiza, ou calquera dos álbums do rianxeiro. As súas ideas, sementadas aquí en tempos turbulentos ou naquela Galicia transportada a Bos Aires, xermolaran para contribuír ao rexurdimento do país. As ideas sobre a Galicia do adeus de Rosalía de Castro. As ideas feitas pedra de Francisco Asorey, ou poesía na mente creadora de Ramón Cabanillas. As ideas cartográficas dun Domingo Fontán que percorreu palmo a palmo a nosa terra para recoñecer nela unha fonda unidade. As ideas de Alfredo Brañas sobre o rexionalismo como pedra angular dunha Galicia recuperada e dunha España cohesionada.

Sobre ese fantástico cúmulo de sentimento, erudición e cultura, ciméntase o presente da nosa Comunidade Autónoma. Aínda que esas ideas forxadas en séculos sexan vigorosas, esmorecerán sen unha atención constante.

Non deberiamos caer no erro de pensar que os conceptos de convivencia, tolerancia ou respecto pola opinión allea, poden manter a súa preponderancia sen o concurso activo da sociedade.

Abonda con mirar ao noso redor para decatarnos de que ideas fraudulentas que volven como pantasmas do pasado, están cuestionando valores que considerabamos inamovibles e que agora son presentados interesadamente polos populismos como armatostes envellecidos. A democracia, a convivencia, a solidariedade, a igualdade de xénero, o europeísmo, o galeguismo, necesitan ser reivindicados e renovados cada día.

Non podemos confiar en que unha “selección natural das ideas” faga que as boas sobrevivan e as malas desaparezan, como algúns pensaron erroneamente noutras épocas históricas de infausta memoria.

Os soños dos nosos devanceiros, que son as nosas realidades, precisan dunha defensa constante na que se mesture o pragmatismo e o sentimento, a eficacia e a emoción, a razón e o corazón. Señoras e señores. Ilustres premiados.

A cerimonia das Medallas Castelao é sempre unha ponte entre os galegos ilustres do pasado e os do presente.

Esa ponte dinos que Galicia é un destino. Non é un lugar de paso, nin un mero elo, nin un lugar onde nunca se desfán as maletas, nin tampouco un sitio axeitado no que agardar o próximo embarque. A Galicia do adeus é hoxe a Galicia da benvida.

Deixamos de ser un lugar a medio camiño entre o mito e a memoria no que se soña desde lonxe, para ser un país moderno que se fai acotío sen deixar de soñar.

Galicia é unha tarefa e Galicia tamén é un destino desde onde se pode influír no mundo.

Foi un dos intelectuais máis admirados da Europa da súa época quen combateu o estereotipo de Galicia como algo pequeno ou limitador, e demostrou que a pequenez non estaba no país senón nalgúns dos seus observadores.

Vicente Risco segue tendo razón. Fenómenos como a globalización, a superación de vellas fronteiras e a descentralización dos grandes espazos políticos, achegan novos argumentos a favor do ourensán. Nun contorno descentralizado, Galicia é o centro. Nunha España e nunha Europa complexas, cobra nova importancia a reflexión que facía o Conde de Lemos a principios do século XVII, a propósito da presenza dos galegos nos grandes asuntos do Estado.

Nos seus relatos, o monfortino asimilaba os seus paisanos cun bufo que observa, valora e agarda, como corresponde á especie asociada na mitoloxía coa sabedoría. Hoxe Galicia está premiando a sabedoría.

Naquela Galicia das despedidas perpetuas, Rosalía de Castro teimaba por reter a paisaxe e incluíla na equipaxe do emigrante; agora Isabel Aguirre de Úrcola a coida, recupera e rehabilita.

Igual que esas ideas das que falabamos, a paisaxe non sempre se defende espontaneamente e require unha mente e unhas mans expertas.

A Universidade de Harvard incluíu a esta directora da Escola Galega da Paisaxe nunha exposición dos quince mellores paisaxistas de Europa.

Os galegos podemos pasear polo Parque de Bonaval, ou pola contorna de Caaveiro, ou pola contorna da Cidade da Cultura para constatar que Galicia é un dos centros do paisaxismo, que nós temos que comprometemos a coidar máis e a poñelo en valor. María José Alonso Fernández está a facer de Galicia un centro do que poderiamos denominar “farmacoloxía intelixente”.É unha muller polifacética que investiga, ensina e participou na xestión académica, co impulso do Campus Vida. Forma parte da Academia Nacional de Medicina de Estados Unidos, e non sente que esteamos na periferia.

Hai que facerlle moito caso cando afirma que “os países desenvolvidos chegaron a selo porque investiron moito en investigación e innovación”, como hoxe volveu recordar.

Os políticos non debemos esquecelo nunca. De Trives a Ourense, e de Ourense ao mundo. A Jesús Domínguez téñeno definido como “unha persoa que xera movemento”. Este empresario que achega a súa capacidade emprendedora para que Galicia sexa o centro da industria téxtil europea, ten o mérito engadido de superar con decisión reveses e contratempos que el mesmo, dunha forma sucinta, relatou. O seu berce empresarial está na Sastrería y Camisería El Faro. Nunca se apagou.

A luz mantívose acesa e, grazas a iso, este home emprendedor está sendo quen de vestir desde Ourense a varias xeracións de todos os continentes, con marcas tan recoñecibles como Purificación García, Carolina Herrera ou, xa na man das súas fillas, Bimba e Lola. Nunca valoramos como se merecen os creadores, os empresarios da moda que levan a marca Galicia en millóns de prendas por todo o planeta. “Veñan os homes rexos e fortes, cos ollos limpos traballadores, que espallen xuntos sin refolgar, o desenrolo do noso fogar”.

Se unha comunidade puidese contar con varios himnos, un deles podería ser de Fuxan os ventos.

Iso non é posible, aínda que o repaso daquelas cancións nos devolvan a un tempo incerto “onde todo estaba por vir pero non chegaba”, por utilizar as palabras líricas de Salvador García Bodaño.

Xesús Mato fixo de Galicia un centro da esperanza. No decreto que crea esta distinción sinálase aos que demostraron “fe na cultura, na historia e no ser dun pobo”.

O noso crego de Paradela soubo facer sitio na súa alma grande a esta fe diferente á que é propia da súa condición. Esta recompensa é cativa comparada coa que lle tributan adoito fregueses, discípulos e beneficiarios do seu labor social, pastoral e musical. Con razón chámalle o alcalde “a sotana voadora”.

Agora existen máis, pero as cartas foron a única fiestra que os galegos tiñamos cara ao mundo.

O sobre gardaba un tesouro, e as letras permitían facer próximo o que estaba lonxe. Os carteiros e as carteiras que reciben a Medalla Castelao percorren, como se dixo e se di rápido, pero hai que facelo, 68.400 quilómetros todos os días. Sen dúbida esta é a primeira rede social de Galicia.

Podemos atribuírlles unha gran parte do mérito de que Galicia conservase unha unidade de papel e palabra, nos tempos en que o noso país sufría de illamento interno e externo. A chegada do carteiro facía que o veciño se sentise por un momento no centro do mundo.

Así que, señoras e señores, cando vostedes tomen a decisión de encargar un paquete a calquera lugar do mundo, saiban que Correos é a compañía de todos. Señoras e señores. Tanto os galegos ilustres que xa non están, como os que distinguimos en edicións anteriores das Medallas Castelao, que nos honran algúns deles coa súa presenza, e como os que acabamos de distinguir neste acto, todos eles son protagonistas dun galeguismo singular. Un galeguismo ao que todos contribúen e do que ninguén se apropia.

Desgraciadamente non sucede así con todos os ismos asociados a territorios e identidades.

O noso inclúe, aglutina, agrupa e, polo tanto, fainos máis fortes.

Ningún dos nosos compatriotas se sente alleo a unha galeguidade na que o conxunto non asolaga o individuo, e onde o individuo non vive á marxe do conxunto. A clave está noutra das cancións de Fuxan os ventos. Aquela que di: “coma un irmán che falo”. Seguir falándonos como irmáns fixo, fai e fará de Galicia o destino, o centro, a premisa e a conclusión.

Moitas grazas.


- Te recomendamos -