O novo director do IET guiou aos alumnos durante a explicación que técnicos do Instituto ofreceron sobre os traballos que se están a desenvolver na produción e xestión cartográfica e os sistemas de información xeográfica
O director do Instituto de Estudos do Territorio, Guillermo Evia, recibiu a un grupo de alumnos do Grao de Enxeñería Forestal da Escola de Enxeñaría Forestal do Campus de Pontevedra, concretamente das asignaturas de Expresión gráfica e cartográfica e de Topografía e teledetección e sistema de información xeográfica.
Evia Pérez, xunto con técnicos do IET, recibiu e acompañou aos universitarios para coñecer as experiencias deste departamento coa utilización de vehículos aéreos non tripulados (UAV- unmanned aerial vehicles) para a obtención de información territorial.
Durante a visita, mostróuselles aos alumnos os traballos que se están a desenvolver no eido da produción e xestión cartografía e os sistemas de información xeográfica, así como as súas aplicacións para a xestión da paisaxe e o estudo e análise do territorio. Así, trasladóuselles as experiencias e traballos no procesado e emprego de imaxes de satélite, a xeración de ortofotografías aéreas, o procesado do LIDAR, a captura de información xeográfica de referencia, como estradas, rede hidrográfica, construción e usos e coberturas do solo, xeolocalización dos nomes do nomenclátor de Galicia, xeolocalización de elementos de patrimonio cultural, así como os traballos de elaboración do Plan Básico Autonómico.
Tamén se lles informou do traballo que está a desenvolver o IET en varios proxectos da Axencia Galega de Innovación, dentro da segunda fase da iniciativa CivilUAVs, como a plataforma de xestión de datos capturados por UAVs, a adquisición e mantemento semiautomatizado de bases topográficas e cartográficas, e o seguimento de dinámicas de ocupación do solo e soporte á planificación territorial.
Esta visita é a primeira na que participa o novo director do IET, Guillermo Evia; non obstante, xornadas atrás tamén visitaron o IET un grupo de alumnos do Máster de operacións e enxeñería de sistemas aéreos non tripulados, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e dos másteres de Enxeñería de montes e agronómica das asignaturas de teledetección, sistemas de información xeográfica e ordenación do territorio, tamén visitaron o IET.
Durante este encontro, compartiuse cos participantes a experiencia no emprego de toda a información xeográfica na análise e planificación do territorio e os traballos de mantemento da Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia, onde se pode acceder a gran parte desta información e que se atopa dispoñible na web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
- Te recomendamos -