Inicio Galicia Galicia traballa en coordinación co Goberno central para seguir mellorando a proposta...

Galicia traballa en coordinación co Goberno central para seguir mellorando a proposta da Comisión Europea sobre as posibilidades de pesca para o 2019

0

Unha das cuestións fundamentais é a da pescada sur, unha pesqueira que afecta a practicamente todos os segmentos da frota e que ten un grande impacto social e económico

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe en Bruxelas que España, con Galicia como representante das comunidades autónomas españolas en materia pesqueira, continúa traballando para mellorar as propostas da Comisión Europea sobre as posibilidades de pesca para o 2019 no marco das negociacións do Consello de Ministros de Pesca da UE que se están a celebrar en Bruxelas.

Rosa Quintana explicou que “se conseguiu mellorar a proposta de onte e que Galicia seguirá traballando para que a proposta que nos fagan ás 20:00 horas sexa máis axeitada ás nosas peticións, xa que hai capacidade de mellora”. Nesta liña, a titular de Mar lembrou que unha das cuestións fundamentais é a da pescada sur, “unha pesqueira que afecta a practicamente todos os segmentos da frota e que ten un grande impacto social e económico”. Neste caso, polo momento conseguiuse suavizar a proposta de redución da comisión Europea desde o 14% a un 8%.

O que Galicia propón en relación a esta especie é que se poida aplicar xa o Plan plurianual de augas do Atlántico no que se establece a xestión da pesqueira en rangos, posto que xa hai un acordo político. Deste xeito, e como explicou a titular de Mar, podería darse pé a unha mellora do TAC mesmo incrementando a biomasa do stock en boa medida.

En relación á obriga europea de desembarque de capturas, que entrará en vigor no 2019, Rosa Quintana sinalou que se están perfilando os termos de aplicación da bolsa que ten como obxectivo evitar que as especies accesorias, é dicir, aquelas de escasa relevancia de captura, funcionen como especies de estrangulamento impedindo a actividade da frota. Nesta liña, Galicia defende que “todos os estados aporten as especies accesorias para que todos poidan facer uso desa bolsa e que deste xeito se compense a obriga de desembarque de capturas”. O obxectivo, sinalou, é que o veto aos descartes non impida o desenvolvemento da actividade pesqueira.

Galicia fai fincapé nestas cuestións mentres se están a celebrar as reunións bilaterais e trilaterais no marco do Consello de Ministros de Pesca da UE. Arredor das 20:00 horas, os representantes dos Estados membro están convocados para unha nova proposta da Comisión Europea.  


- Te recomendamos -