Neste marco de cooperación a conselleira puxo de relevo o valor dos acordos pesqueiros como o da Unión Europea e Mauritania, o máis importante dos subscritos pola UE con terceiros países
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2018.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta semana en Bruxelas, no marco da feira Seafood, unha xuntanza co director de Programación e Cooperación do Ministerio de Pesca e Economía Marítima de Mauritania, Mohamed Ould Ely Ould Barham, co obxectivo de amosarlle o interese de Galicia en cooperar co goberno de Mauritania en asuntos relacionados co eido pesqueiro.
Na reunión, a titular de Mar transmitiulle ao director mauritano a importancia que ten para Galicia e o seu tecido empresarial no eido do mar a súa presenza no país africano. Neste sentido, destacou o valor da cooperación para fomentar e promover as relacións entre Mauritania e a comunidade galega. Unha cooperación como a que vén realizando Galicia con países como Namibia, subliñou, e que beneficiaría a ambas partes. Por exemplo, a Galicia no que ten que ver coa presenza da súa frota no caladoiro mauritano e a Mauritania no desenvolvemento da actividade, no relacionado cos investimentos no sector e coa creación de emprego e de valor engadido.
Neste marco de colaboración a conselleira puxo de relevo o valor dos acordos pesqueiros como o da Unión Europea e Mauritania, o máis importante dos subscritos pola UE con terceiros países. Este protocolo permite á frota europea o dereito de captura de 261.000 toneladas anuais de especies distintas dos túnidos para unha frota máxima de 58 buques. Dentro del, España recibe a maior parte das cotas de camarón e a totalidade das capturas de peixes demersais, incluída a cota de pescada negra. Ademais o acordo define as posibilidades de pesca de túnidos para un máximo de 40 buques de España e Francia.
Este encontro entre a conselleira do Mar e o director de Programación e Cooperación do Ministerio de Pesca de Mauritania foi propiciado polo eurodeputado Francisco Millán Mon, que hai uns días viaxou a Mauritania cunha delegación da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo. Ademais súmase á reunión que mantivo en febreiro o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co embaixador de Mauritania en España, Sidi Aly Sidi Aly, á que tamén asistiu Rosa Quintana e na que se tratou a posibilidade de que Galicia e Mauritania cooperasen no sector da pesca.
O obxectivo destes contactos coas autoridades mauritanas é analizar en que aspectos se pode colaborar en materia de pesca, como vén facendo Galicia con outros países nos eidos da formación, a investigación e o control dos produtos pesqueiros.
- Te recomendamos -