A Comunidade galega pecha xuño con 19.600 persoas menos no paro na evolución anual, situándose como a terceira rexión na que máis baixou o desemprego
Galicia pechou o mes de xuño superando o millón de afiliacións á Seguridade Social (1.006.499), unha cifra que no se alcanzaba desde hai case 7 anos (agosto de 2011). A Comunidade galega, polo tanto, segue creando emprego cun aumento das afiliacións no último ano do 2,72%, é dicir, 26.622 máis, o que supón que xa son 8 meses consecutivos nos que o aumento anual supera o 2% e as 20.000 afiliacións. Con respecto tamén á creación de emprego, son xa máis de 4 anos de incrementos consecutivos -desde abril de 2014- cunha evolución positiva nas afiliacións e é o maior aumento nos seis primeiros meses do ano desde 2007.
As afiliacións crecen e o paro continúa baixando cunha caída do 10,33% na evolución anual, o que supón que 19.600 persoas abandonaron o desemprego no último ano e o que sitúa a Galicia como a terceira Comunidade na que máis se reduciu o desemprego en termos relativos. Ademais, supérase ao Estado no ritmo de caída en 4,36 puntos.
O descenso no paro supón o maior producido desde 1999 e con estes datos encadéanse 5 anos consecutivos nos que o paro baixa nun mes de xuño. Ademais, a Comunidade autónoma xa leva catros anos e medio nos que o desemprego descende de xeito consecutivo.
A Comunidade galega, ademais, conta no primeiro semestre deste ano con 15.000 desempregados menos, polo que, de manterse esta tendencia, superarase o obxectivo fixado polo Goberno galego na Axenda 20: reducir o paro en 20.000 persoas ao ano.
A calidade no emprego tamén continúa mellorando. No último ano a contratación indefinida medrou un 14,80% fronte a un descenso na temporal. A tempo completo tamén subiu, un 2%, fronte a unha caída da contratación a tempo parcial. En xeral, as contratacións en Galicia aumentan mentres que na media do Estado caen.
O desemprego, así mesmo, descendeu nas principais variables neste último ano: caeu nas catro provincias e nas sete grandes cidades; en todos os sectores de actividade; nos menores de 30 anos (-12,34%); nas mulleres (-7,93%); e nos parados de longa duración (-8,17%), polo que 2 de cada 5 desempregados que saíron do paro nos últimos 12 meses pertencían a este colectivo.
Con respecto aos sectores, liderou o descenso a construción (-20,57%), seguido da agricultura e pesca (-12,77%) e da industria (-12,71%). En canto ás provincias, onde máis baixou foi na de Lugo (-12,61%) seguida de Pontevedra (-11,81%), de Ourense (-10,90%) e da Coruña (-8,11%).
Evolución mensualNa evolución mensual, este mes o paro tamén caeu, en 6.631 persoas, o que supón un 3,75% menos, a maior baixa en termos absolutos desde xaneiro. As afiliacións tamén aumentaron con respecto ao mes pasado e a maior ritmo que no Estado, o que posiciona a Galicia como a cuarta Comunidade con maior crecemento en termos absolutos. Ademais, desde febreiro deste ano, as afiliacións crecen por quinto mes consecutivo a maior velocidade que o descenso de parados. A contratación en xeral subiu nun 7,78%, con 7.481 contratos máis no mes de maio.
Os datos que se fixeron hoxe públicos do paro rexistrado confirman que as condicións do mercado de traballo galego están mellorando, un feito que é posible, entre outros factores, grazas á estabilidade que está permitindo incrementar o número de postos de traballo e blindar o gasto social.
A Xunta está a desenvolver iniciativas que, ademais de xerar emprego, sexa de calidade para que a contratación indefinida e a tempo completo poida seguir en aumento. Neste senso, a formación de calidade adaptada ás necesidades reais das empresas é unha prioridade para a Xunta porque supón unha oportunidade para os traballadores, facilitándolles o acceso ao mercado laboral e para as empresas, que gañan en competitividade. Apostar pola formación significa aposta pola mellora do mercado de traballo.
A Administración autonómica, por iso, está a investir este ano 135 millóns de euros en actuacións de formación e orientación para dar resposta ao novo escenario tecnolóxico. Para contar con persoal máis e mellor cualificado estanse a poñer en marcha 1500 cursos de formación en centros homologados para beneficiar a 23.000 profesionais en activo dos sectores tradicionais e doutros emerxentes; as unidades formativas na empresa coas que se apoiará este ano a través das dúas convocatorias, cun orzamento de 9,5 millóns de euros, a formación á carta de 5000 persoas a través de 577 cursos; os obradoiros de emprego nos que poderán participar máis de 2350 desempregados; ou os programas integrados de emprego nos que se estima a participación de 4300 persoas cun investimento de 10,9 millóns.
- Te recomendamos -