Inicio Galicia Galicia será a terceira comunidade autónoma en contar cun órgano colexiado de...

Galicia será a terceira comunidade autónoma en contar cun órgano colexiado de participación do colectivo LGTBI

0

A Xunta xa está ultimando o texto do decreto que creará o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero

A Xunta xa está a ultimar o texto do decreto a través do que se creará o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, o que converterá a Galicia na terceira comunidade autónoma en contar cun órgano colexiado, consultivo e de participación social en materia de dereitos do colectivo LGTBI.

Así o explicou hoxe a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, durante unha resposta parlamentaria, na que recordou que todo este proceso estase levando a cabo a través dun diálogo constante coas asociacións LGTBI e tendo en conta as súas achegas.

O principal obxectivo deste Observatorio será promover a igualdade real e efectiva das persoas LGTBI, contribuír ao coñecemento da realidade da diversidade da orientación sexual e de identidade de xénero, e identificar as necesidades e barreiras que impiden o pleno desenvolvemento dos dereitos destas persoas. Ademais, constituirase como un foro de diálogo permanente entre a Administración autonómica e o colectivo.

López Abella recordou, ademais, que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cunha Lei -a 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia- que consolida o principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas LGTBI.

Proba deste compromiso do Goberno galego coa defensa do colectivo LGTBI, a Xunta inclúe desde 2017 nos seus orzamentos unha partida específica destinada ás organizacións que o representan. Esta medida veu a consolidar a colaboración que se estableceu en 2016 co seu tecido asociativo a través da sinatura de convenios.

Ademais, recordou tamén que no decreto 130/2016 no que se establecen os requisitos dos Centros de Información á Muller (CIM), a Xunta introduciu a posibilidade de que estes presten servizo de información e asesoramento ás persoas LGTBI, en canto contan con persoal especializados nos ámbitos xurídico e psicolóxico e con ampla información sobre os recursos dispoñiblesEntre outras medidas, a secretaria xeral puxo en valor tamén a creación da Unidade de atención á transexualidade a persoas menores de idade dentro do Servizo Galego de Saúde; ou as campañas de sensibilización escolar para evitar a discriminación por orientación sexual.


- Te recomendamos -