Inicio Galicia Galicia recibe en Madrid os premios Fitur 2018 nas categorías de mellor...

Galicia recibe en Madrid os premios Fitur 2018 nas categorías de mellor expositor e mellor produto de turismo activo

0

O stand da Comunidade na pasada edición da Feira Internacional de Turismo, que recreaba un pazo, foi eloxiado polo seu deseño, calidade e atención ao público


Galicia recibiu hoxe en Madrid dous recoñecementos nos premios Fitur 2018, a Feira Internacional de Turismo celebrada o pasado mes de xaneiro e onde a Comunidade galega tivo unha intensa presenza. Os galardóns recoñecen a aposta do Goberno galego en dúas categorías: a de mellor expositor, pola recreación dun pazo que realizou este labor, e a de mellor produto de turismo activo polas Experiencias nos parques naturais, unha oferta impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Turismo de Galicia.

Ao resolver o premio na categoría de mellor stand entre as institucións e as comunidades autónomas, desde a organización de Fitur salientouse o deseño da proposta galega, os materiais empregados na súa execución e a atención ao público. O stand, que se estreaba nesta edición e que está a ser empregada noutras feiras nas que Galicia participa, inspírase nun pazo, reinterpretado segundo parámetros actuais, combinando tradición e vangarda.

O Goberno galego elixiu nesta ocasión un pazo polo seu simbolismo, convertendo así o stand nun fogar, mostra da acollida e a hospitalidade que os galegos brindan aos visitantes.

No caso do Mellor Produto de Turismo Activo a nivel nacional, concedido por Fitur e a revista AireLibre, distínguese a iniciativa das Experiencias nos parques naturais, un produto lanzado en outono que constitúe unha ampla e variada oferta de aventuras e actividades de lecer nas Fragas do Eume, O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra, Parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, Monte Aloia e Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.

Componse dunha vintena de propostas de turismo sustentable, en liña co modelo formulado na Estratexia do turismo de Galicia 2020 pola Xunta e o sector, que van desde rutas ornitolóxicas e fotográficas, sendeirismo, ciclismo ou equitación, a saídas en barco, kaiak, paddle surf e paddleboard, visitas a covas, aldeas ou adegas, dispoñibles todo o ano.


- Te recomendamos -